Programa MaB España

Reservas da Biosfera españolas na Lei 42/2007

En España, a figura de Reserva da Biosfera está recollida na Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade como áreas protexidas por instrumentos internacionais, o que eleva o compromiso de carácter voluntario adquirido no contexto do Programa MaB, a obriga legal. A Lei especifica os obxectivos da Rede Española de Reservas da Biosfera do modo seguinte:

  • Manter un conxunto definido e interconectado de "laboratorios naturais"; estacións comparables de seguimento das relacións entre as comunidades humanas e os territorios en que se desenvolven, con especial atención aos procesos de mutua adaptación e aos cambios xerados.
  • Asegurar a efectiva comparación continua e a transferencia da información así xerada aos escenarios en que resulte de aplicación.
  • Promover a xeneralización de modelos de ordenación e xestión sostible do territorio.

O Comité MaB español é o órgano colexiado de carácter asesor e científico, adscrito ao Ministerio de Medio, cuxa composición, contidos e funcións se definirán regulamentariamente. O Comité MaB realizará as avaliacións preceptivas de cada Reserva da Biosfera, valorando a súa adecuación aos obxectivos e esixencias establecidas e, no seu caso, propoñendo a corrección dos aspectos contraditorios.

A continuación, a Lei recolle no artigo 67 "Características das Reservas da Biosfera" que as Reservas de Biosfera, para a súa integración e mantemento como tales, deberán respectar as directrices e normas aplicables da UNESCO e contar, como mínimo, con:

  • Unha ordenación espacial integrada por:
    1. Unha ou varias zonas núcleo da Reserva que sexan espazos naturais protexidos, cos obxectivos básicos de preservar a diversidade biolóxica e os ecosistemas, que conten co axeitado plan de ordenación, uso e xestión que potencie basicamente os devanditos obxectivos.
    2. Unha ou varias zonas de protección das zonas núcleo, que permitan a integración da conservación básica da zona núcleo co desenvolvemento ambientalmente sostible na zona de protección a través do correspondente plan de ordenación, uso e xestión, específico ou integrado no plan das respectivas zonas núcleo.
    3. Unha ou varias zonas de transición entre a Reserva e o resto do espazo, que permitan incentivar o desenvolvemento socioeconómico para a mellora do benestar da poboación, aproveitando os potenciais e recursos específicos da Reserva de forma sostible, respectando os obxectivos desta e do Programa Persoa e Biosfera.
  • Unhas estratexias específicas de evolución cara aos obxectivos sinalados, co seu correspondente programa de actuación e un sistema de indicadores adaptado ao establecido polo Comité MaB Español, que permita valorar o grao de cumprimento dos obxectivos do Programa MaB.
  • Un órgano de xestión responsable do desenvolvemento das estratexias, liñas de acción e programas.