Características Biolóxicas

Tipos de Hábitats - Bosques

ESPECIES CARACTERÍSTICAS

Baixo a epígrafe de “bosques” poderiamos reunir a tres tipos de formacións arbóreas. A primeira delas, os bosques planocaducifolios, constitúen a vexetación potencial de boa parte do territorio proposto. As outras dúas, os bosques esclerófilos e os bosques aluviais, representan formacións capaces de colonizar ambientes marxinais, con condicións mesoclimáticas ou edáficas especiais, que lles permitiron competir cos bosques caducifolios dominantes. En realidade, as formacións esclerófilas apenas son pequenos vestixios das facies máis termófilas do bosque. Están ligadas aos fondos de val máis temperados, onde persisten contados elementos esclerófilos e de óptimo mediterráneo: Quercus suber, Quercus ilex subsp. ballota , Arbutus unedo, Cistus populifolius, Genista falcata, Echinospartum barnadesii subsp. Dorsisericeum, etc. En cambio, os bosques aluviais, que constitúen unha transición gradual entre a vexetación riparia e os bosques planocaducilios, encontran un área de distribución potencial relativamente ampla nas planicies inundables da cunca media do Miño.

A. Bosques caducifolios

A cobertura actual de bosques caducifolios autóctonos representa menos dun cinco por cento da superficie total, o cal pon de manifesto o grado de antropización da área, tendo en conta que este tipo de formacións constitúe a vexetación potencial da maioría do territorio.

A posición bioxeográfica da área, dividida fundamentalmente entre dous sectores corolóxicos diferentes, así como a diversidade de ambientes determinada polo rango altitudinal, leva consigo a existencia de varios tipos de bosques con características diferenciais (Rivas-Martínez, 1987; Izco, 1996). Nas áreas outeiros e montañas da parte setentrional, dentro do sector Galaico-Asturiano, o tipo bosque climatófilo predominante constitúeno as carballeiras acidófilas de Quercus robur, aínda que existen pequenos enclaves onde o xogo de exposicións, topografía, altitude, etc. permite a instalación de reboleiras de Quercus pyrenaica e abedulares montanos. A presenza de formacións dominadas por Castanea sativa é na actualidade reducida. No pasado foi unha especie favorecida e manexada polo home como árbore de froito, pero a súa superficie minguou ultimamente polos efectos nocivos da enfermidade da tinta, así como pola repoboación masiva con especies de crecemento rápido.

As Carballeiras acidófilas Galaico-Asturianas presentan tipicamente un dosel arbóreo ben desenvolvido, integrado basicamente por Quercus robur, aínda que poden estar presentes de forma puntual pés de Quercus petraea e Quercus pyrenaica. Figuran como árbores acompañantes Castanea sativa , Betula alba e, nas áreas de maior altitude, Sorbus aucuparia. O estrato arbustivo está integrado por individuos xuvenís das especies que integran o dosel arbóreo, así como por unha serie de arbustos ou pequenas árbores como Frangula alnus , Corylus avellana , Pyrus cordata , Erica arborea , Ilex aquifolium , Crataegus monogyna, xunto con Arbutus unedo e Laurus nobilis nas zonas máis térmicas. No caso de doseis arbóreos cun grado de perturbación notable, aparecen outras especies típicas das matogueiras de degradación (Erica arborea , Ulex sp., Cytisus scoparius, etc). Por baixo do dosel arbustivo adoita existir unha densa cobertura de especies herbáceas: Brachypodium sylvaticum, Holcus mollis, Pseudarrenatherum longifolium, Stellaria holostea, Anemone nemorosa, Euphorbia amygdaloides, Polygonatum verticillatum , etc, e pterófitos: Blechnum spicant, Dryopteris dilatata, Dryopteris affinis, Dryopteris aemula, Osmunda regalis, Athyrium filix-foemina, etc. Outros elementos frecuentes son algunhas leñosas de pequeno porte, como Vaccinium myrtillus ou Ruscus aculeatus , así como trepadoras: Hedera helix e Lonicera periclymenum ou, nas áreas máis cálidas, Tamus comunis e Clematis vitalba.

Nas reboleiras colino-montanas Galaico-Asturianas e Orocantábricas, asentadas en solos oligótrofos sobre substratos silíceos, Quercus pyrenaica domina o estrato arbóreo acompañado ocasionalmente por outras especies como Quercus robur e Castanea. En conxunto configuran un estrato arbóreo que nos bosques pouco intervindos/intervidos preséntase cunha cobertura densa. O feito de que tarden en agromar os rebolos, así como o feito de que estas formacións ocupen estacións de carácter máis xerófilo que as carballeiras anteriores, fai que a composición florística do sotobosque sexa sensiblemente diferente, cunha menor representación de pteridofitos e elementos nemorais. Como especies de porte arbustivo predominan Frangula alnus e Pyrus cordata, mentres que en estrato subarbustivo abundan plantas como Physospermum cornubiense, Lathyrus linifolius, Holcus mollis, Melampyrum pratense, Stellaria holostea e Teucrium scorodonia.

Os bidueirais montanos Galaico-Asturianos crecen sobre solos silíceos oligotrofos. Fisonomicamente caracterízanse por ser unha formación arbórea pouco espesa e de escasa altura (12-14 m). O estrato arbóreo aparece dominado por Betula alba e Sorbus aucuparia, con presenza ocasional doutras especies como Quercus robur ou Ilex aquifolium. No sotobosque son frecuentes, entre outras, Erica arborea, Vaccinium myrtillus, Narcissus asturiensis, Narcissus triandrus, Deschampsia flexuosa, Luzula henriquesii, Saxifraga spathularis, Melampyrum pratense, Blechnum spicant , Dryopteris aemula e Dryopteris dilatata. A súa presenza dentro do territorio proposto queda relegada aos avesedos ou zonas sombrías dalgunhas cabeceiras de val, onde o rigor do clima e a acidez dos solos restrinxe o desenvolvemento das carballeiras.

Na parte central e meridional, dentro do dominio do sector bioxeográfico Galaico-Portugués, as formacións boscosas máis representativas son, unha vez máis, as carballeiras acidófilas. Iso si, cunha composición florística peculiar que as distingue das do sector Galaico-Asturiano. Dentro destes bosques é posible distinguir entre aqueles cunha tendencia máis termófila, que ocupan os territorios colinos, fronte aos dos territorios montanos, con elementos florísticos característicos de natureza menos termófila. En localizacións onde a pendente e orientación das ladeiras induce a unha certa xericidade nos solos, aparecen bosques dominados por Quercus pyrenaica, semellantes aos presentes na área setentrional.

As carballeiras colino-montanas Galaico-Portuguesas desenvólvense sobre substratos silíceos e presentan como especie dominante do estrato arbóreo a Quercus robur, frecuentemente acompañado por Betula alba, Quercus pyrenaica e Castanea sativa. O estrato arbustivo está conformado por arbustos ou pequenas árbores como Frangula alnus, Ilex aquifolium, Pyrus cordata ou Crataegus monogyna, mentres que como elementos subarbustivos destacan especies como Saxifraga spathularis, Melampyrum pratensis, Omphalodes nitida ou Euphorbia amygdaloides.

As carballeiras colino-Galaico-Portuguesas localízanse na parte meridional do territorio, en puntos situados a menor altitude e con condicións xerais máis temperadas que as anteriores. A diferenza principal estriba, xa que logo, na abundancia ou presenza de elementos de carácter máis termófilo e/ou xerófilo, tanto dentro do estrato arbóreo (Quercus pyrenaica) e arbustivo (Laurus nobilis) como no que respecta á vexetación subarbustiva (Ruscus aculeatus) e ás lianas (Tamus communis).

A presenza de reboleiras limítase a algunhas solainas dos pisos colino e montano, de pendentes marcadas e ben drenadas. Teñen unha composición florística afín ás carballeiras, pero cunha mellor representación de certas especies de carácter heliófilo, como algunhas leguminosas (Cytisus striatus, Ulex europeus), ericáceas (Erica arborea) e fentos (Pteridium aquilinium ).

Para terminar, no cuadrante suroriental, xa nas estribacións occidentais da Cordilleira Cantábrica, aparecen reboleiras colino-montanas similares ás do territorio setentrional, carbaleiras colino-montanas e bidueirais montanos. En todo caso, a presenza destes últimos é case anecdótica dado a escasa representación do piso montano dentro do territorio proposto. As carballeiras colino-montanas presentan como especie principal do estrato arbóreo a Quercus petraea e híbridos do mesmo con Quercus robur e Quercus pyrenaica. A presenza doutras especies como Betula alba, Sorbus aucuparia, etc., depende das condicións edáficas e da exposición das ladeiras ou faldras. Como especies do estrato arbustivo figuran Ilex aquifolium e Corylus avellana, xunto con ericáceas e leguminosas, cuxa cobertura depende da densidade do dosel arbóreo. Como especies frecuentes dentro do sotobosque aparecen Luzula henrriquesii, Saxifraga spathularis, Oxalis acetosella, Deschampsia flexuosa, etc., e os pteridofitos Drypoteris dilatata, Dryopteris affinis e Blechnum spicant.

Ademais destas formacións arboredos, existe outro grupo de formacións cunha distribución máis restrinxida, como poden abeledos, acebais, pradairos, etc. A súa superficie total é moi escasa, e están confinadas en posicións marxinais.

B. Bosques aluviales

O tramo central da Terra Chá inclúe as canles de maior entidade do territorio, representadas por catro tramos de orde catro (Ladra, Parga, Támoga e Azumara) que, trala súa unión, conforman unha única canle de orde 7. Os sistemas fluviais alcanzan aquí a súa maior complexidade, con canles que chegan a superar os 60 metros de anchura, fortemente incididos e delimitados por potentes bordos terríxenos, que habitualmente superan os 50-70 cm e en ocasións alcanzan os 2 metros de altura. Á súa vez, as canles presentan frecuentemente leitos de areas e gravas que favorecen a instalación dunha complexa vexetación acuática (Luronium natans, Nymphoides peltata, Ranunculus fluitants, Potamogeton perfoliatus, Potamogeton crispus, Callitriche stagnalis, Isoetes longuissima, Apium graveolens), así como importantes poboacións de invertebrados, entre os que destacan diversas especies de bivalvos (Margaritifera margaritifera, Anadonta cygnea, Unio tumidus).

O deambular dos principais tramos fluviais pola suave e ampla chaira da Terra Chá favoreceu a creación de meandros e brazos abandonados, así como diversos tipos de estruturas insulares como os “cordóns de árbores illas” constituídos por ameneiros ou salgueiros que enraízan directamente na canle formando estruturas lineais. Estas formacións son derrubadas e alteradas periodicamente polas crecidas invernais. Máis estables son as illas terríxenas, orixinadas en moitos casos a partir de meandros divagantes, como é o caso das illas de Meilán, Seivane ou Rábade, esta última con 5 km de lonxitude e 350 m de anchura.

Excluíndo ás formacións estritamente riparias, os bosques de inundación pertencentes á clases QUERCO - FAGETEA e ALNETEA GLUTINOSAE. Os máis abundantes e extensos corresponden aos alimentados por augas superficiais, nos que o alagamento depende basicamente de derrames de canles fluviais e de depósitos de auga de escorrentía vinculados cos máximos pluviais anuais. O asolagamento adquire unha maior entidade superficial e temporal nas amplas chairas aluviais constituídas sobre substratos impermeables, fundamentalmente arxilas. Tralo período de crecida, o mantemento das condicións húmidas vese propiciado pola existencia dun nivel freático situado na proximidade da superficie do chan.