Características Biolóxicas

Cuberta Vexetal

O territorio localízase fundamentalmente na transición entre dous sectores bioxeográficos (RIVAS MARTÍNEZ , 1987) diferenciados (sector Galaico - Asturiano e sector Galaico - Portugués) comprendendo ademais un gradiente de horizontes bioclimáticos desde o termocolino ao montano superior. Á variedade de condicións bioxeográficas (figura seguinte) súmanse situacións mesoclimáticas e edáficas particulares, de carácter azonal. Ademais, a variabilidade na intensidade dos usos do solo ten ido configurando ao longo de máis de 3000 anos de uso do territorio unha paisaxe cultural diversa, onde coexisten medios naturais, seminaturais e antrópicos.

División corolóxica en subsectores bioxeográficos e bioclimática en horizontes bioclimáticos.

O dominio potencial de vexetación corresponde, segundo o territorio bioxeográfico e os pisos bioclimáticos da área, a distintos tipos de formacións arbóreas, dominadas por especies planocaducifolias: Quercus robur, Quercus petraea, Betula alba, e marcescentes: Quercus pyrenaica.

Ademais destes tipos de vexetación climatófila aparecen outros tipos de formacións vexetais azonais, en resposta a condicións ecolóxicas particulares, ligadas a situacións de hidromorfía (vexetación azonal higrófila) ou ben a litoloxías limitantes (vexetación azonal edafófila). Así, dentro da área proposta existen importantes superficies ocupadas por vexetación azonal con distinto grado de higrofilia, en particular na parte máis setentrional, e asociadas aos sistemas turbosos, así como na zona central, en depresións sedimentarias e fondos de vales aluviais onde os brañais aparecen ligados aos cursos de auga e a fenómenos de inundación estacional. A vexetación azonal edafófila está moito menos representada que a higrófila. Circunscríbese a distintos tipos de afloramentos rochosos, vinculados a formas de exhumación en áreas de litoloxía granítica, á presenza de espolóns cuarcíticos derivados de fenómenos erosión diferencial, ou á existencia de coluvións e outros depósitos de xénese periglaciar, todos eles substratos incapaces de sustentar a vexetación climatófila propia do territorio.

Vexetación potencial
Vexetación potencial zonal climatófila
Carballeiras colino-montanas Galaico-Asturianas
Carballeiras colinas Galaico-Portuguesas
Carballeiras montanas Galaico-Portugueses
Reboleiras colino-montanas orocantábricas
Bidueirais montanos Orocantábricos
Vexetación potencial azonal higrófila
Turbeiras de cobertor
Turbeiras altas
Breixeiras higroturfófilas
Bosques de inundación
Amieirais riparios
Vexetación potencial azonal edafófila
Rochedos silíceos
Rochedos calizos

Síntese da vexetación potencial presente no territorio.

A cobertura vexetal actual responde en gran medida ao efecto dos usos e a actividade antrópica rexistrada na área, de modo que en boa parte do territorio as formacións arbóreas que constituirían a cobertura vexetal potencial se viron desprazadas por prados, matogueiras, cultivos agrícolas e forestais, ademais de por infraestruturas, edificacións e instalacións. Fóra daquelas localidades nas que condicións particulares mesoclimáticas ou do substrato favorezan o predominio de ecosistemas azonais, a presenza de formacións arbustivas correspóndese con etapas máis ou menos avanzadas da degradación dos bosques.

Existe ademais unha importante proporción de formacións herbáceas que se poden agrupar dentro da epígrafe xenérica de prados e pastos. En moitos casos, debido á súa condición de vexetación serial que precisa dun elevado grado de intervención humana para a súa persistencia e a unha gradación na intensidade do manexo e aproveitamento por parte do home (regos, abonado, labores, carga do pasto...), fai difícil diferenciar a súa condición seminatural ou antrópica. Por outra banda, moitos dos prados instálanse sobre solos encharcados, cando menos temporalmente, co cal presentan grandes afinidades coa vexetación azonal higrófila. Outras formacións herbáceas que se instalan sobre solos moi pouco desenvolvidos, ou directamente sobre afloramentos ou depósitos rochosos pouco aptos para manter a vexetación potencial zonal do territorio, considéranse como vexetación azonal edafófila.

En consecuencia, a presenza de formacións herbáceas de carácter seminatural (serial) e non higrófilo limítase a determinadas formacións que resultaron da degradación de breixeiras e toxeiras, debido á incidencia reiterada de incendios, á forte carga gandeira ou a rócelos intensos. Neste tipo de formacións predominan gramíneas como Agrostis duriei, Aira praecox, Agrostis curtisii, Pseudarrenatherum longifolium, Avenula sulcata, Anthoxantum odoratum, xunto a outras herbáceas pioneras, como Tuberaria guttata, Vulpia myurus, Asphodelus albus, Prunella vulgaris, etc.

Nos casos en que se conservaron áreas de vexetación natural, tanto a estrutura e composición orixinal das mesmas poden terse visto modificadas en distinta medida, en función dos usos e actividades que tradicionalmente, e até a época actual, soportaron. A diferente intensidade de uso provocou que o estado actual das comunidades vexetais presente unha gradación no seu nivel de alteración ou intervención, de modo que a diferenza entre vexetación natural e seminatural non sempre resulta clara segundo un criterio de naturalidade.