Fauna

Introdución

Como especies de interese para a conservación considéranse aquelas incluídas no Anexo II e IV da Directiva Hábitat (DC 92/43/CEE), as aves do Anexo I da DC 79/409/CEE, xunto ás catalogadas como “En Perigo de Extinción” e “Vulnerables” de acordo cos Catálogos Español e Galego de Especies Ameazadas.

A Reserva de Biosfera de Terras do Miño alberga un significativo número de especies consideradas como de interese para a conservación. Segundo se recolle na base de datos da biodiversidade manexada polo IBADER, no ámbito territorial da Reserva recóllense citas de até 123 especies diferentes. O grupo máis numeroso correspóndese coas aves, no cal pódense enumerar até 42 especies, boa parte das relacionadas cos brañais chairegos ou co mosaico agrícola tradicional que aínda se conserva na bacía alta do río Miño.

A maior parte das aves de interese para a conservación presentes en Terras do Miño sono por estar incluídas no anexo I da Directiva Aves (33 delas), mais tamén é destacable a presenza de 4 especies catalogadas como en "Perigo de Extinción" no Catálogo Español de especies Ameazadas: Chlidonias niger, Numenius arquata, Emberiza schoeniclus e Botaurus stellaris. A esta listaxe cabe engadir as especies de aves en "Perigo" segundo o catálogo autonómico: Valellus vanellus, Tetrax tetrax e Burhinus oedicnemus.

A variedade e estado de conservación dos brañais posibilita a conservación de especies doutros grupos. Invertebrados como Anodonta cygnea e Margaritifera margaritifera; mamíferos como a lontra (Lutra lutra) e o desmán dos pirineos (Galemys pyreanicus) son exemplo de especies de fauna recollidas no anexo II da DC 92/43/CEE presentes nas masas de auga doce da bacía alta do Miño.

Vinculados aos sistemas agrícolas e aos núcleos rurais dispersos ao longo de todo o ámbito territorial da Reserva Terras do Miño destacan os quirópteros. Das 16 especies de mamíferos incluídos nas directivas comunitarias ou nos catálogo de especies ameazadas estatal e autonómico, 13 correspóndense con algunha clase de morcego. Neste grupo faunístico destacan pola consideración de especies "Vulnerables" Miniopterus schreibersii, Rhinolophus euryale, Galemys pyrenaicus, Rhinolophus ferrumequinum e Myotis myotis.