Patrimonio Cultural e Etnográfico

Lendas

Ao longo dos ríos tamén se recolle unha rica tradición oral, transmitida durante séculos de pais a fillos, que precisa de quen a escoite e recolla para non caer no esquecemento. Maniféstase entorno aos ríos na forma de cantigas, lendas, contos, adiviñanzas, refráns e ditos populares.

  • Lenda do "Home-peixe": "Nun punto sen determinar do río Miño, ao parecer en Lugo, un home-peixe cruzaba a diario a corrente montado nunha arca e cun gorro vermello na cabeza... ...."
  • Lenda da cobra: “Non sei se como lenda se pode dar, mais si é certo que no Concello de Outeiro de Rei, preto do río, hai un curro que chaman o Tuxo e alí sei que vivía unha serpe moi grande con ás. Antigamente sei que saía da zona de Raxul (un pouco arriba do Piago) e viña voando sobre o río até Santa Isabel; despois quedaba no Tuxo e os nenos que pasabamos por alí coas vacas tiñamos certo reparo. Máis tarde nos dixeron que aquilo era un conto que o inventara un tal Manolo, o cal tamén dicía que collía anguías de 5 quilos; cremos isto porque nos conviña máis, pero agora, 30 anos despois, encontramos a outra xente que nos conta a mesma historia da serpe alada, o que dá pé a pensar que esa lenda existiu e vén de antigo ".

Esta é unha das maneiras de transmitir os "saberes tradicionais", que evolucionaron e teñen demostrado a súa validez ao longo dos tempos. Tamén se transmiten formas particulares de "saber facer" adaptadas a estes lugares e que mostraron a súa validez ao longo dos tempos.