Puntos de Interese

LIC'S - Lugares de Interese Comunitario

Lugar:PARGA - LADRA - TÁMOGA
Municipios:Abadín, Baleira, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Friol, Guitiriz, Lugo, Outeiro de Rei, Rábade, Vilalba e Xermade
Páxina Web:www.cmati.xunta.es
Extensión:5.013,01 ha.
Situación:No cuadrante noroccidental da provincia de Lugo, pertencente ás comarcas de Terra Chá e Lugo.
Descripción:Ocupa a cunca alta do río Miño, que inclúe unha serie de zonas húmidas próximas e que se coñece por "complexo húmido de Terra Chá". O espazo natural comprende boa parte dos afluentes principais do Miño pola beira dereita: o Ladra, ao que se lle incorporan o Parga, o Labrada, o Trimaz e o Madanela, así como o Támoga, o Narla e outros pequenos tributarios destes. A área é eminentemente agrícola e gandeira. Gran parte do LIC localízase na depresión central da comarca de Terra Chá, unha extensa zona plana ou levemente ondulada que se sitúa aproximadamente entre os 380 e os 450 m de altitude. Neste sector atópanse as lagoas de Cospeito e outra serie de pequenas lagoas de menor entidade.
Lugar:SERRA DO CAREÓN
Municipios:Lugo, Friol e Palas de Rei
Páxina Web:www.cmati.xunta.es
Extensión:6.567,87 ha.
Situación:Ocupa pequenas áreas marxinais das comarcas de Ulloa e Lugo, estando a maior parte do territorio do LIC na provincia da Coruña.
Descripción:A serra de Careón, pertencente á Dorsal Galega, é unha pequeno cordal montañoso de perfil en chanzos , amesetado e relevos suaves, cuxa máxima altitude non alcanza os 800 m (O Careón, 798 m; Pena Armada, 760 m) e está cuberto por extensas áreas de matogueiras. O río Furelos, afluente do Ulla, xuntamente cos numerosos pequenos afluentes da súa cabeceira, que nacen tanto nos montes do Bocelo como no Careón, presenta unha baixa sinuosidade e un caudal considerable. Desde este río esténdese, sobre todo cara ao sueste de Melide, unha ampla chaira.
Flora:O efecto tóxico producido nos solos pola elevada concentración de metais pesados das rocas ultrabásicas determinou que a área sexa un dos centros de endemicidade máis importantes da Península. Así, o LIC posúe algunhas plantas que, para alén de ser endemismos estritos desta zona, se achan claramente ameazadas a escala estatal, como é o caso de Armeria merinoi, Santolina melidensis e Leucanthemum gallaecicum, as dúas primeiras en perigo crítico de extinción. Un bo número de taxones teñen na área as súas únicas ou case únicas poboacións galegas coñecidas, como é o caso de Aster aragonensis, Erica scoparia, Narcissus conspicuus ou Seseli montanum subsp. Montanum. As matogueiras ocupan dúas terceiras partes da superficie do LIC, dominando tanto nos cumes e ladeiras do Careón como nas chairas e outeiros da parte sur do espazo natural. A vexetación arbórea, secularmente explotada é substituída en parte por plantacións forestais, cobre unha escasa superficie. Con todo, é posible atoparmos algunhas manchas apreciables da fraga ou bosque climácico galaico-portugués. As ribeiras dos ríos, por outra banda, están flanqueadas en boa parte polo bosque-galería ripario.
Fauna:Entre os invertebrados do anexo II da Directiva Hábitats están presentes o caracol (Elona quimperiana), o ropalócero (Euphydrias aurinia) e o cervo volante. Ademais da troita común, tres peixes continentais endémicos de interese, a boga do Douro (Chondrostoma duriense), a boga (Chondrostoma arcasii), e a anguía, habitan nas augas da subcunca de Furelos. Trece especies de anfibios e 9 de réptiles compoñen a herpetofauna do LIC. Entre os endemismos noroccidentales ibéricos do área é preciso citarmos a píntega rabilarga, e o lagarto verdinegro, incluídos no anexo II da Directiva Hábitats. Con eles encontramos o tritón ibérico, a ra patilarga e a ra vermella, tamén endémicos da península Ibérica, e algúns elementos eurosiberianos, como o tritón palmeado. Entre a avifauna é de destacar a existencia dunha poboación nidificante de aguiacho cincento, así como a presenza no verán e no outono do sisón e mesmo a infrecuente pica das árbores ou “bisbita”. A aguia das cobras, o azor, o gabián, o lagarteiro, o falcón pequeno (ou alcotán) e o falcón peregrino son outras aves rapaces observadas na zona. O picapeixe, o merlo acuático e a lavandeira real habitan nos leitos fluviais. Para alén dos aguiachos e outras rapaces, as áreas de matogueiras acollen unha comunidade moi característica, na que conflúe unha interesante mestura de elementos mediterráneos e eurosiberianos. Compoñentes destacados da fauna de mamíferos son o rato do almiscre ibérico e a lontra. Tamén están inventariados o armiño, o tourón (tamén chamada doniña fedorenta), a garduña, a lebre ibérica, o corzo, e o xabaril. O lobo ten presenza regular na zona.
Lugar:SERRA DO XISTRAL
Municipios:Lugo, Abadín, Alfoz, Cervo, Mondoñedo, Muras, O Valadouro, Ourol, Vilalba, Xermade, Xove e Viveiro.
Páxina Web:www.cmati.xunta.es
Extensión:22.480,98 ha.
Situación:Área montañosa do norte e noroeste da provincia de Lugo, penetrando levemente polo oeste na provincia da Coruña. Pertence ás comarcas da Mariña Central, a Mariña Occidental, a Terra Chá e Eume.
Descripción:Extensa área montañosa, na que se integran as serras do Xistral, A Toxiza e A Carba, servindo de separación natural ás comarcas da Mariña e Terra Chá. Área moi pouco poboada, con numerosas cabezas de gando pastando en semilibertade e intenso aproveitamento da enerxía eólica. A importancia do espazo natural nos ámbitos xeomorfolóxico e botánico, sobre todo, é excepcional. Os movementos tectónicos, a erosión fluvial e os procesos derivados do frío, principalmente os de tipo periglaciar, deron lugar ao peculiar e contrastado paisaxe destas serras.
Flora:Máis do 40% da superficie dos hábitats de importancia comunitaria do LIC está ocupada por comunidades vexetais relacionadas con turbeiras ou solos higroturbosos, que teñen aquí a súa mellor expresión na península Ibérica, sendo moi superior á existente noutros territorios atlánticos de Europa occidental. As turbeiras de cobertor, en particular, constitúen o único hábitat de interese comunitario no territorio español que é exclusivo do territorio galego. En conxunto, estas amplas áreas de soos turbosos e higroturbosos albergan formacións vexetais de extraordinario interese botánico. Entre as numerosas especies pouco frecuentes, endémicas ou de interese conservacionista encóntranse diferentes briófitos de xénero Splachnum, así como Pinguicula lusitanica e Carex duriaei, Arnica montana subsp. atlantica, Cirsium filipendulum, Drosera lusitanica, Drosera intermedia, Drosera rotundifolia, Myrica gale, Narcissus cyclamineus, Narcissus pseudonarcissus subps. Nobilis e Serratula tinctoria subsp. Seoanei.
Fauna:Entre os invertebrados do anexo II da Directiva hábitats encóntrase o caracol (Elona quimperiana), a babosa (Geomalacus maculosus), o ropalócero (Euphydryas aurinia), e o cervo voante. A fauna lepidopterolóxica ten gran relevancia; entre ela aparecen taxóns exclusivos das partes altas desta serra, como é o caso de Erebia epiphron subsp. Xistralensis e Erebia triarius subsp. Pargapondalense. Trece especies de anfibios e polo menos dez de réptiles compoñen a herpetofauna do LIC, integrada basicamente por endemismos noroccidentales ibéricos e especies eurosiberianas, ademais dunha serie de especies do anexo II da Directiva Hábitats como a píntega rabilarga, o lagarto verdinegro , a lagarta da serra e a lagarta de turbeira, unha das xoias faunísticas do Xistral. Entre as rapaces nidificantes está o falcón abelleiro, a aguia da cobra, o aguiacho pálido , o aguiacho cincento, o azor, falcón pequeno ou alcotán e o falcón peregrino, mentres que o esmerillón e a papuxa común se presentan no inverno, sendo o voitre leonado cada vez máis frecuente fóra da época de cría. Algúns paseriformes forestais raros como reprodutores en Galicia, como a folosa, o verderolo, e o pincaouro, teñen no LIC algunhas das súas escasas localidades de cría. A avifauna de áreas arbustivas, matogueiras e as súas áreas ecotonais cos bosques está moi ben representada, cunha mestura de elementos eurosiberianos e mediterráneos. Os mamíferos incluídos no anexo II da Directiva hábitats e con presenza no área son o desmán ibérico e a lontra. Entre os carnívoros é de destacar a presenza do gato montes (tamén chamado lobo cerval), da garduña, o armiño e tourón. O lobo, conserva nestas serras unha das súas poboacións máis nutridas en Galicia. Entre os herbívoros atópase o xabaril, o corzo e a lebre ibérica.
Lugar:RÍA DE FOZ - MASMA
Municipios:Barreiros e Foz.
Páxina Web:www.cmati.xunta.es
Extensión:575,17 ha.
Situación:No cuadrante noroeste da provincia de Lugo, entre as comarcas da Mariña Central e Oriental.
Descripción:Curso medio e baixo do río Masma, incluíndo pequenos tramos dos seus tributarios: o Fraga Vella, o Valiñadares e o Batán, así como o seu estuario, a ría de Foz. A boca do estuario está parcialmente pechada por unha frecha litoral areosa e por instalacións portuarias e de defensa de costas. Os depósitos areosos prolónganse cara ao intermareal estuárico no terzo externo da zona húmida, mentres que cara ao interior predominan as chairas limosas ou areoso-limosas, cubertas parcialmente por pradarías mariñas e marismas.
Flora:Importante enclave de vexetación de marisma litoral na ría de Foz. As zonas resgardadas nos tramos medio e interno do estuario están parcialmente colonizadas por extensas pradarías de alta densidade da fanerógama mariña (Zostera noltii), mentres que as partes máis elevadas do sector interno presentan áreas de salgal, xunqueiras halófilas caracterizadas por Juncus maritimus e praderías de Spartina maritima. Nos puntos con maior influencia de auga doce e no curso baixo do Masma, aínda baixo o alcance das mareas, aparecen algunhas manchas de xunqueira salobre, onde fai a súa aparición Juncus gerardi, e masas de helófitos como Scirpus maritimus e Phragmites australis. Na boca do estuario, a praia de Altar aínda conserva un retallo de vexetación de dunas móbiles, con Ammophila arenaria e Eryngium maritimum como especies máis características, aínda que está presente tamén Linaria polygalifolia, propia das dunas do cuarto noroccidental da Península. A crucífera (Cochlearia aestuaria), endémica das costas do golfo de Vizcaya, e o raro perexil mariño (Limonium dodartii), que se acha en perigo crítico de extinción en España, tamén están citadas en ambientes halófilos deste espazo natural. Augas arriba do estuario, as beiras do Masma están flanqueadas na súa meirande parte polo bosque de ribeira galaico-asturiano, no que predominan os amieiros, acompañados por salgueiros, e salgomiños, entre outras especies arbóreas.
Fauna:Entre as especies de invertebrados incluídos no anexo II da Directiva Hábitats están citados o caracol (Elona quimperiana) e o coleóptero (Lucanus cervus). Como outros ríos cantábricos, o Masma presenta un notable interese polo súa fauna piscícola. Na súa cunca encóntranse 5 taxóns de peixes continentais autóctonos, varios deles ameazados, entre os que destaca o salmón. Tamén están presentes a lamprea, o reo e a anguía. Canto á herpetofauna son frecuentes, entre outras especies, a píntega rabilarga, a píntega común, a lagarta común e o lagarto verdinegro. O estuario presenta unha sobresaliente riqueza avifaunística, e están citadas máis de 200 especies. Destacan as súas poboacións de aves acuáticas, especialmente durante o inverno e o paso migratorio outonal. A área constitúe unha zona de parada habitual para unha fracción significativa da poboación de espátula de orixe holandesa, o que lle confire importancia internacional. Ademais de cantidades moderadas de patos, principalmente pato real, cerceta, pato silbón e o escaso ganso de cara negra, raro en España e que é relativamente frecuente nesta ría, o estuario alberga interesantes efectivos invernantes de limícolas, como o mazarico real, e o mazarico trinador, que, xunto ao moi escaso pilro gordo, alcanzan importancia a escala estatal. Con todo, durante os pasos migratorios recala un continxente moito maior e máis variado destas especies, que inclúe concentracións infrecuentes do citado pilro gordo. Tamén se sinalou a cría da garzota na zona. Por outra banda, é común a presenza de numerosas especies de paseriformes durante as migracións, algunhas delas pouco frecuentes en Galicia. Entre os mamíferos, debe citarse a presenza do desmán, o armiño, e a lontra (Lutra lutra), que visita regularmente a ría.