Patrimonio Natural

Introdución

NATUREZA DO MIÑO

A presenza de Espazos Naturais creados ao abeiro da Rede Natura 2000 supón un dos elementos máis significativos á hora de establecer cales poden ser os valores de maior interese para a conservación presentes nestes territorios. A Rede Natura 2000 constitúe unha rede ecolóxica coherente que trata de contribuír ao mantemento do estado de conservación, ou, no seu caso, ao restablecemento cara a unhas condicións favorables dos hábitats naturais e das especies de interese comunitario establecidas nas Directivas 92/43/CEE (Directiva Hábitats) e 2009/174/CEE (Directiva Aves).

Os catálogos de hábitats e especies recollidas nas Directivas europeas xunto cos catálogos de especies ameazadas a nivel estatal (Real Decreto 139/2011) e autonómico (Decreto 88/2007) constitúen o marco legal de referencia á hora de analizarmos os valores ambientais de interese para a conservación presentes na Reserva de Biosfera de Terras do Miño.

Esta Reserva inclúe nas súas áreas montañosas setentrionais (LIC Serra do Xistral) unha importante superficie de brañas de montaña conformada por queirogais húmidos, turbeiras altas e turbeiras de cobertor. As turbeiras activas de Cobertor da Serra do Xistral son as únicas representacións deste tipo peculiar de lameiros, consideradas como un hábitat prioritario presente na Península Ibérica. Este brañal de montaña alberga unha rica e rara flora briofítica, plantas superiores e comunidades de invertebrados.

Tanto nas serras como nas partes mais baixas e deprimidas do seu ámbito territorial, a Reserva alberga unha boa representación de bosques climácicos conformados por diversos tipos de carballeiras e reboleiras (Quercus robur, Quercus pyrenaica), cunha grande diversidade de especies vasculares. Os tramos fluviais que percorren as áreas de menor altitude e baixa pendente mostran unha das mellores representacións de bosques aluviais e de galería do Norte da Península Ibérica dentro da súa biorexión Atlántica.

Algúns dos bosques de ribeira posúen máis de 60 especies características de ambientes nemorais. Consecuentemente, as canles fluviais albergan unha rica e nutrida diversidade de especies, tanto bivalvos (Margaritifera, Unio, Anodonta), como de plantas vasculares (Isoetes fluitans, Luronium natans) ou de vertebrados (Lutra). Nos distintos ecosistemas, e fundamentalmente nos brañais, pódense atopar un importante número de especies protexidas polas Directivas de Aves e Hábitats, así como especies incluídas non Catálogo Español de Especies Ameazadas e no Catálogo de Especies Ameazadas. Outro elemento especialmente significativo é que este territorio constitúe o límite occidental da distribución de numerosas especies entre as que cabe destacar Fagus sylvatica.