Patrimonio Cultural e Etnográfico

Paisaxes da Auga

Os usos tradicionais están ligados directamente ao mantemento da diversidade biolóxica, por iso foron chamados o compoñente intanxible ou cultural da diversidade biolóxica ou "biodiversidade cultural". Esta é entendida como o conxunto de interrelacións entre o home e o resto dos compoñentes da biodiversidade, elemento clave para o mantemento dunha parte importante dela.

No territorio descrito aséntase unha numerosa poboación humana, que é portadora dun legado de coñecementos transmitidos ao longo dos tempos; coñecementos froito da interrelación entre os distintos grupos humanos co seu ámbito e coa diversidade biolóxica.

Un detallado estudo levado a cabo polo Colectivo Cultural María Castaña recolle unha parte significativa desta biodiversidade cultural tomando como eixe unificador os cursos da auga. A través deste fío condutor vaise avanzando e descubrindo os usos tradicionais, construcións, lendas... asociados aos cursos de auga, ríos e regatos que drenan este territorio até confluír, na súa maior parte, no río Miño, eixe vertebrador deste territorio. Deste modo, vanse descubrindo os diversos elementos e usos asociados a eles, entre os que figuran os seguintes:

  • Caneiros, son pequenas construcións artesanais que datan da Idade Media construídas transversalmente ao curso dos ríos. A súa función era a pesca de anguías mediante a condución da auga cara ás artes de pesca onde eran capturadas.
  • Artes de pesca adaptadas ás especies e condicións particulares dos ríos. Entre elas cabe destacar os redotes, trasmallos, rateis... empregados fundamentalmente para a pesca da anguía (Anguillaanguilla), troita (Salmo trutta), escalo (Leucisius cephalus) e boga (Chondrostroma polylepis polylepis).
  • Muíños de cereais, serras, ferrarías, pedras de afiar... accionados a partir da forza motora da auga. O gran número de ríos e regatos que bañan estas terras proporcionan forza para mover os rodicios dos muíños, noutros tempos innumerables e imprescindibles na economía cerealeira do pasado recente e na riqueza ecolóxica e turística que xorde de cara ao futuro.
  • Batuxos, pequenas embarcacións tradicionais utilizadas como medio de paso entre beiras, tanto de persoas coma de mercadorías. Tamén eran empregadas para a pesca.
  • Os sistemas de paso sobre as correntes de auga son numerosos, pois son poucos os traxectos que se poden facer sen ter que atravesar algún deles. Entre eles encóntranse os pasos, pedras postas no río ou regato cando é estreito, destinados ao paso da xente; portos ou vaos, zonas do río de pouca profundidade para pasar a pie tanto xente coma animais e incuso os carros; pontellas ou ponticelas, obras de arquitectura popular, a maioría das veces son lousas de pizarra ou madeiras dispostas sobre apoios e pontes, construcións máis técnicas feitas con arcos ou falsos arcos.
  • Entre os mazos e ferrarías de Terras do Miño destaca o de SantaComba, situado no río Chamoso. É un complexo preindustrial que traballaba grazas á forza proporcionada pola auga do río. O mazo hidráulico está formado por unha encoro que subministra auga a un muíño e ao mazo propiamente dito. O mazo hidráulico está formado por dúas fraguas nas que os 30 ferreiros que adoitaban traballar nel quentaban o ferro ou aceiro para logo poder "estiralo" e convertelo en varas con que facer as ferramentas. Unha vez quentado o material, estirábase no mazo a cal, mediante unha serie de engrenaxes converte o movemento circular nun movemento de panca que fai que caia unha panca de 100 Kg sobre o material. Como estrutura auxiliar existiu unha moa de afiar, tamén hidráulica, que lles servía para afiar a ferramenta e aínda quedaba forza para accionar unha serra e regar un prado contiguo. Os ferreiros ían buscar o carbón para as fraguas ás máquinas do tren, en Lugo; desdeaquí até Laxosa levaban os sacos que precisaban e, ao chegaren, tirábanos e despois baixaban eles, moitas veces en marcha.
  • O mazo estaba especializado na preparación de material para a posterior produción de fouciños (fouces). Nos anos 60 e 70 empezáronse a comercializar "martinetes" eléctricos que substituíron ao tradicional mazo, dando autonomía ao ferreiro e abaratando os custes de produción. Aos martinetes hai que engadirlle a utilización cada vez máis abundante das máquinas segadoras que apartan pouco a pouco o uso dos fouciños.
  • Reconstrución do Mazo de Santa Comba. Fonte: Arquivo María Castaña

    Até hai pouco nas beiras dos ríos había numerosos lavadoiros e zonas de baño, xa que non había auga corrente nas casas.

    Técnicas de rego, utilizando pequenas canles superficiais ou "regos" para conducir a auga aos terreos.

    Formas de aproveitamento tradicional de pastos, leñas, mel...

    A coevolución home-natureza deu lugar a unha selección durante miles de anos de variedades de cultivos adaptados a estas condicións particulares: variedades de trigo, de centeo, variedades locais de froiteiros, vides, nabos... e de razas gandeiras: cabalo galego de monte, galiña de Mos...

Ao longo dos ríos tamén se recolle unha rica tradición oral, transmitida durante séculos de pais a fillos, que precisa de quen a escoite e recolla para non caer no esquecemento. Maniféstase entorno aos ríos na forma de cantigas, lendas, contos, adiviñanzas, refráns e ditos populares.

  • Lenda do "Home-peixe": "Nun punto sen determinar do río Miño, ao parecer en Lugo, un home-peixe cruzaba a diario a corrente montado nunha arca e cun gorro vermello na cabeza... ...."
  • Lenda da cobra: “Non sei se como lenda se pode dar, mais si é certo que no Concello de Outeiro de Rei, preto do río, hai un curro que chaman o Tuxo e alí sei que vivía unha serpe moi grande con ás. Antigamente sei que saía da zona de Raxul (un pouco arriba do Piago) e viña voando sobre o río até Santa Isabel; despois quedaba no Tuxo e os nenos que pasabamos por alí coas vacas tiñamos certo reparo. Máis tarde nos dixeron que aquilo era un conto que o inventara un tal Manolo, o cal tamén dicía que collía anguías de 5 quilos; cremos isto porque nos conviña máis, pero agora, 30 anos despois, encontramos a outra xente que nos conta a mesma historia da serpe alada, o que dá pé a pensar que esa lenda existiu e vén de antigo ".

Esta é unha das maneiras de transmitir os "saberes tradicionais", que evolucionaron e teñen demostrado a súa validez ao longo dos tempos. Tamén se transmiten formas particulares de "saber facer" adaptadas a estes lugares e que mostraron a súa validez ao longo dos tempos.

A relación "home-río" tamén se reflicte na prosa e poesía dedicadas ao río: “Un río con la belleza del Miño, a su paso por Lugo, con esa amplia y solemne curva entre verdes prados, con los caneiros jugando a remansar y a encolerizar el agua, con los alisos hundiendo las raíces en la corriente, con los sauces acariciando apenas la superficie …..” (Jorge de Vivero, do artigo “El Miño y los patos”).

Por outra parte, nas numerosas feiras locais pódese degustar a gastronomía tradicional e coñecer ao tempo a súa variada artesanía, entre a que se encontra a cestaría, olaría e a vestimenta tradicional confeccionada con produtos vexetais: liño, e animais: la coiro. Os "batáns" eran construcións compostas por uns mazos que, accionados pola forza dunha corrente de auga, servían para bater os tecidos de la fabricados nos teares.

Estes usos e elementos tradicionais permitiron a conservación da riqueza natural que levan asociada, permitindo a coexistencia de distintas formas de vida, animal e vexetal entre si, á vez que se realizaba unha explotación racional e sostible.

É a partir do progresivo abandono deste compoñente cultural da diversidade cando empeza a diminuír a diversidade biolóxica debido fundamentalmente aos cambios de uso do solo iniciados a mediados do século pasado, na década de 1940 -1950. O modelo de explotación tradicional deixa de ter validez nunha sociedade cambiante, na que aparecen novas formas de vida.

É por isto que é un reto a vontade de recoller todo o bo que aínda perdura e darlle unha viraxe a un desenvolvemento mal entendido, xerador de impactos, para mostrar, difundir e transmitir que é posible un desenvolvemento humano acorde coa natureza. Neste sentido, o estudo da etnografía achega coñecementos sobre o pasado como punto de partida para construír o presente, e fomentar a autoestima sobre estes valores e vivencias populares que, en ocasións, poden estar asociados a unha vida pasada precaria.

Para conseguir que estas ideas se estendan na poboación é necesario transmitir a visión, o convencemento de que isto é posible e para iso hai que pór en práctica iniciativas que conduzan a esta situación obxectivo.