Reservas da Biosfera Terras do Miño

Plan de acción

O presente Plan de Acción parte da experiencia adquirida na Reserva de Biosfera durante máis dunha década, tendo en conta tanto os éxitos como as complicacións xurdidas durante o proceso, que propiciou un modelo de desenvolvemento sostible no territorio . A partir destas estratexias, o presente Plan deberá definir un novo modelo de desenvolvemento que harmonice os diversos sectores de actividades socioeconómicas co desenvolvemento das poboacións locais e a conservación do patrimonio natural e a biodiversidade, integrándose co resto de políticas sectoriais. Neste escenario, resulta imprescindible a implicación da poboación local como protagonista das diferentes iniciativas. A estrutura e contidos do presente Plan de Acción realízase de acordo aos criterios establecidos nos documentos marco vixentes na actualidade, así como acordos e reunións institucionais:

  • Cumio da Terra de Río de Janeiro (1992), e o Convenio sobre a Diversidade Biolóxica.
  • A Carta do Turismo Sostible (Lanzarote, 1995).
  • A Estratexia da Rede Mundial de Reservas de Biosfera (Sevilla, 1995), e o Marco Estatutario da Rede Mundial de Reservas de Biosfera derivado da anterior.
  • Convenio Europeo da Paisaxe (Florencia, 2000).
  • Cumio da Terra de Johannesburgo (2002).
  • A Avaliación dos Ecosistemas do Milenio (2005).
  • A Estratexia da Rede de Reservas de Biosfera Españolas (Lanzarote, 2006).
  • Plan de Acción de Madrid 2008-2013 para a Rede Mundial de Reservas de Biosfera.
  • Plan de Acción de Montseny 2009-2013 para a Rede de Reservas de Biosfera Españolas.
  • A normativa sectorial vixente, así como os instrumentos que a desenvolven.

A función de desenvolvemento nas Reservas de Biosfera trata de conciliar as necesidades de mellora da poboación local coas de salvagarda dos recursos naturais para as xeracións vindeiras. É particularmente importante aproveitar os esforzos que se levaron ou se levan a cabo na área da Reserva, considerando a necesidade de mellorar as condicións de vida dos habitantes, promovendo o seu desenvolvemento económico e social, baixo un enfoque de sostibilidade. Neste contexto, é necesario promover unha estratexia orientada á promoción económica, social e cultural dos habitantes do territorio, que respecte os elementos propios e propicie o desenvolvemento sostible. En definitiva, este Plan de Acción constitúe un plan de xestión para a planificación deste espazo, cuxa finalidade é o establecemento das liñas xerais de acción, programas, proxectos e estratexias prioritarias de actuación para o cumprimento dos obxectivos da Reserva.

No marco das Estratexias Mundial e Española de Reservas de Biosfera e dos consecutivos Plans de Acción, para facilitar o cumprimento dos seus obxectivos e dos do conxunto da Rede Mundial de Reservas de Biosfera e da Rede de Reservas de Biosfera Españolas, o Plan de Acción posúe á súa vez os seus propios obxectivos a cumprir dentro do ámbito territorial da Reserva. En consecuencia, establecéronse un total de 9 obxectivos no presente Plan de Acción, que deben ser alcanzados mediante a execución e posta en marcha das accións formuladas a continuación no presente documento, e que son coherentes cos formulados no Plan de Acción de Madrid 2008-2013 e no Plan de Acción de Montseny 2009-2013.

1.Conservación do patrimonio natural e a biodiversidade.

2.Difusión dos valores da Reserva á sociedade.

3.Promoción do desenvolvemento rural sostible.

4.Promoción dos aproveitamentos sostibles dos recursos naturais.

5.Fomento do emprego local e das economías de calidade.

6.Mellora do coñecemento sobre o patrimonio natural da Reserva.

7.Fomento do intercambio e do establecemento de compromisos de cooperación.

8.Conservación e mellora do patrimonio cultural da Reserva.

9.Cumprimento dos obxectivos dos Plans de Acción de Madrid e Montseny.

O Plan de Acción da Reserva da Biosfera de Terras do Miño presentouse aos Órganos Reitor e de Participación o pasado 31 de xullo de 2013, aprobándose inicialmente.

Dito documento serviu de base para o procedemento de participación pública, que tamén se aprobou o mesmo día en ambos órganos de Xestión, e que consiste en:

1.Exposición pública:

A exposición pública comezou o día seguinte da publicación do anuncio (BOP nº 182 do venres 9 de agosto de 2013) e terminou o pasado 30 de setembro de 2013, non presentándose ningunha alegación ao respecto.

2.Consulta técnica:

Tralo prazo anterior, co obxectivo de potenciar o intercambio directo de opinións, o aporte de ideas e a posta en común e consenso respecto ás liñas xerais do Plan de Acción, convocáronse dúas mesas sectoriais o 12 de decembro de 2013, centradas na conservación do medio ambiente e no desenvolvemento socioeconómico da Reserva, ás que puideron asistir os membros do Órgano de Participación, así como outras entidades territoriais representativas, previa invitación.

3.Estudio e contestación das alegacións e suxestións presentadas:

As alegacións e observacións formuladas ao documento de aprobación inicial, foron estudadas e informadas no prazo de 15 días a contar desde o fin do prazo de exposición pública.

4.Informe do Órgano de Participación:

Unha vez redactado o Plan de Acción no que se incorporaron os resultados da exposición pública e das mesas sectoriais realizadas, presentouse o Plan de Acción ao Órgano de Participación o 19 de decembro de 2013, o cal, segundo o artigo 27.3 do Regulamento, emitiu un informe non vinculante ao respecto.

5.Aprobación polo Órgano Reitor:

De conformidade co artigo 27.3 do Regulamento, o Plan de Acción aprobouse polo Órgano Reitor.