Historia

Poboación Humana

O ámbito territorial de Terras do Miño caracterízase por posuír unha baixa densidade de poboación (45,6 hab/km2), moi inferior á media galega (92,3 hab/km2 ). A poboación total residente nos municipios que constitúen a área de candidatura correspóndese, no ano 1999, a un total de 185.882 habitantes (véxase táboa I e plano Poboación humana), sendo a poboación dentro dos límites propostos de 159.457 habitantes; este feito convértea nunha das Reservas da Biosfera máis poboadas de España, polo que o desenvolvemento sostible e a interacción coas entidades locais cobra grande importancia.

Analizando a densidade de poboación por municipios obsérvase que son os dos rebordos montañosos os que están menos poboados. As menores densidades de poboación (20 hab./Km2) localízanse en 7 municipios (táboa I), puidendo destacar Muras (7,3 hab./Km2), Ourol (11,4 hab./Km2) e Xermade (17,6 hab./Km2) pola súa menor densidade. En gran parte da conca, 15 dos 26 municipios, as densidades sitúanse entre os 20 e 40 hab./Km2 mentres que esta densidade se incrementa en Cospeito (42 hab./Km2 ) e Vilalba (41,4 hab./Km2 ). As áreas máis densamente poboadas sitúanse nos municipios cun núcleo urbano importante, como é o caso de Lugo(263,5 hab./Km2 ) e Rábade (314,8 hab./Km2).

Nas figuras seguintes pódese apreciar a densidade poboacional a escala municipal e parroquial no ano 1996. Da súa observación dedúcese que a maior parte dos habitantes se concentra arredor dos principais eixes de comunicación: Autovía A-6, ferrocarril e principais estradas nacionais.

Densidade de poboación por municipios / Densidade de poboación por parroquias

A dinámica demográfica rexistrada é negativa na maioría dos termos municipais (Táboa II). A tendencia actual é a concentración da poboación nos núcleos urbanos, mentres que se acentúa o despoboamento das zonas rurais circundantes, de modo que tan só un municipio, Lugo, gaña habitantes nas dúas últimas décadas. No gráfico seguinte apréciase a perda global de efectivos rexistrada entre os anos 1981 e 1999.

Tabla I Datos socioeconómicos

Táboa I Datos socioeconómicos

Evolución da poboación nos termos municipais incluída en Terras doMiño (1981-99)

A distribución da poboación nas Terras do Miño, tal e como se comentou anteriormente, tende na actualidade a concentrarse nas principais cidades e vilas; deste modo, o medio rural vese sometido a un progresivo proceso de despoboamento. Nos municipios de Muras e Ourol rexístranse as maiores perdas de poboación, sendo estas superiores ao 30% durante o período 1981 -99 (táboa II ). A maioría dos municipios (23 deles) teñen perdas de habitantes entre un 10% e un 30%. Só en tres deles as perdas son menores do 10%. Finalmente, soamente no municipio de Lugo a evolución rexistrada é positiva no período considerado.

Das 185.882 persoas que viven nestes municipios, segundo os datos do I.N.E. (1.999), o 49,4% son homes e un 50,6% mulleres (táboa I). A relación de sexos está moi equilibrada cun lixeiro predominio no número de mulleres.

A estrutura por idades, debido á emigración e ao descenso da natalidade, está claramente nesgada cara a un envellecemento da poboación segundo os datos dispoñibles correspondentes ao Padrón Municipal de Habitantes de 1996. O 17% da poboación son persoas menores de 20 anos, un 55% teñen entre 20 e 64 anos e un 29% son maiores de 64 anos. Isto indica que as persoas de maior idade superan en número a aquelas chamadas a substituílas no futuro. O índice de envellecemento, expresado como o número de persoas maiores de 64 anos por cada 100 menores de 20, é de 170. Os demógrafos consideran que unha poboación alcanza o seu límite de envellecemento cando este índice é de 50.

A poboación economicamente activa para o ano 1996, incluídos os parados, representa un 44% do total (táboa I). Desta, un 15% figura como parada, unha taxa menor que a media española (18,8%) e a galega (17,3%). Os valores máis baixos da taxa de actividade (menor co 40%) encóntranse en tres municipios, Ourol, Baralla, e Baleira, que se caracterizan por ter a poboación máis avellentada. O valor máis alto da taxa de actividade sitúase en Rábade (55%). Os seguintes valores máis altos, A Pastoriza (49,8), Meira (47,6) e O Páramo (47,5) encóntranse en municipios onde predomina unha poboación rural. Nestes adóitase superar o 45%. Esta taxa de actividade elevada é consecuencia de: i) escaseza de poboación menor de 16 anos, a que se encontra en idade legal de traballar, ii) da importancia do traballo feminino na agricultura e iii) da capacidade de absorción de man de obra das pequenas explotacións familiares agrarias, servindo de refuxio ou "colchón" en épocas de crise. De todos modos, estas elevadas taxas debido á agricultura familiar ocultan un subemprego que reduce o seu verdadeiro valor. Non obstante, a tendencia da taxa de actividade é a de diminuír debido ao número cada vez maior de xubilados e pensionistas consecuencia do envellecemento demográfico, ao cambio do actual sistema agrario e á dificultade para encontrar o primeiro emprego.

Para valorar o nivel de desenvolvemento económico é máis real a distribución desta poboación activa por sectores de actividade.

No sector primario concéntrase o 46,7% da poboación, no secundario un 23,2% e un 30,1% no terciario ou de servizos. A porcentaxe do sector primario é moi alta en comparanza coas medias de Galicia en 2.001 (17,9%, 29,6% e 52,5% respectivamente); porén, a tendencia actual conduce cara a unha gran diminución deste sector, concentrándose a poboación nos outros dous, sobre todo no terciario.

A distribución varía nos municipios de Rábade e Lugo, principalmente, onde a porcentaxe de ocupación primaria é bastante menor que a media (4,3% e 6,2% respectivamente) ao se tratar de concellos con núcleos urbanos. Nos municipios rurais e menos industrializados esta porcentaxe supera a media. O máximo de poboación activa agraria alcánzase na Pastoriza: o 72,1% da poboación traballa na agricultura. Outros municipios cun compoñente agrario moi forte son Láncara e O Páramo.

A industria é o sector menor traballado, cun 23,2% da poboación activa total. A rama que ofrece máis emprego é a construción. Esta poboación é particularmente alta en Riotorto (59,3%) aínda que os valores xerais son bastante máis baixos, situados entre un 10 e un 30% do total. En Láncara esta cifra sitúase nos valores máis baixos, por debaixo do 10%.

O sector que se encontra en alza, e polo tanto aquel ao que se despraza a meirande parte da poboación activa primaria, un 30,1%, é o de servizos. A máxima porcentaxe de poboación activa traballando neste sector localízase en Lugo, cun 73,2%, seguido do 66,1% de Rábade. En Riotorto e en Muras alcánzanse os mínimos cun 12,7% e 15,9% respectivamente.

Tabla II. Evolución de la población por municipios, desde 1981 a 1999.

Táboa II. Evolución da poboación por municipios, desde 1981 a 1999.

POBOACIÓN RESIDENTE EN CADA UNHA DAS ZONAS

Os habitantes do ámbito proposto, cuxo número ascende a 159.457, distribúese nas diferentes zonas segundo se indica a continuación:

ZonificaciónPoboación humana
PermanenteSegundo a estación
Núcleo0 hab.Sen variación
Tampón16779 hab.Sen variación
Transición142678 hab.Sen variación
TOTAL159457 hab.Sen variación

DESCRICIÓN DAS COMUNIDADES LOCAIS

En Terras do Miño a pesar de non existir diferenciacións étnicas ou culturais representativas no interior da comunidade poboacional, si se poden establecer grandes grupos atendendo fundamentalmente ás súas actividades económicas ou a factores como o nivel de urbanización ou ruralización do medio.

Caracterización dos termos municipais de Terras do Miño

En primeiro lugar hai que diferenciar aquelas zonas que presentan un carácter marcadamente urbano, encontrándonos en primeiro termo coa cidade de Lugo, que actúa como principal cabeceira comercial de toda a área de estudo, proporcionando servizos a unha alta porcentaxe da poboación e cun papel turístico destacado dentro da reserva proposta. Neste primeiro grupo tamén se inclúen outros termos municipais de menor entidade, como Rábade, que presentan un núcleo urbano e empregan a altas porcentaxes de poboación no sector secundario e sobre todo no terciario. Véxase plano Poboación humana (Principais núcleos de poboación).

A continuación encontrámonos con aqueles termos municipais que contan cun núcleo urbano de certa entidade e que, ben por actuar como cabeceira de bisbarra ou por estar dotados dunhas boas infraestruturas de comunicación, exercen o papel de centro económico e de servizos dos municipios lindeiros; este é o caso de Vilalba, Guitiriz ou Meira.

Ao norte da zona de estudo encóntrase a Serra do Xistral, que comprende unha serie de municipios con características diferenciais do resto (Muras, Ourol e O Valadouro). Trátase de municipios de montaña nos que apenas existe aproveitamento agrícola, a gandaría adoita ter un carácter marcadamente extensivo (hai reses de gando bovino e equino soltas polo monte) e o sector forestal cobra maior importancia.

Para finalizar, o resto dos municipios da zona de estudo (ver gráfico n.º II), encadraríase nun grupo que se caracteriza polo predominio dunha poboación maioritariamente rural, con escasa presenza de xente nova e onde a principal actividade, a gandaría e en menor medida a agricultura, ocupa a unha alta porcentaxe de poboación. Trátase de municipios que carecen de núcleos importantes e que dependen doutras cabeceiras comerciais para a cubrir as carencias do seu deficitario sector terciario. Dentro deles encontrámonos con algún caso extremo, como é o caso de O Páramo, no cal case un 80% da poboación traballa no sector primario, véxase a táboa I, Datos socioeconómicos.

PRINCIPAIS CIDADES MÁIS PRÓXIMAS

Lugo é a única cidade presente dentro da área de estudo onde existen tamén unha serie de vilas de certa entidade, como é o caso de Vilalba, que actúan a xeito de cabeceira da súa bisbarra ou como centros de fluxo de persoas e mercadorías. O hábitat deste territorio vén caracterizado pola forte tendencia á dispersión, que afecta de forma xeneralizada a todo o interior da provincia de Lugo, aínda que con certos matices. Así, nas zonas máis montañosas é onde se rexistra unha maior dispersión do hábitat, ligado á dureza dos condicionantes do medio, con aldeas en xeral de pequeno tamaño e unha baixa presión demográfica. A Terra Chá caracterízase pola súa tendencia tamén á dispersión, aínda que cunha maior presión demográfica e aldeas de maior tamaño. A influencia da capital de provincia maniféstase nun incremento da presión demográfica e unha maior tendencia á concentración do hábitat con aldeas compactas de maior tamaño nos arredores de Lugo; esta tendencia á concentración do hábitat, aínda que con entidades de menor tamaño, ponse de manifesto tamén na parte sur de Terras do Miño. Isto contrasta coa tendencia da poboación galega a situarse ao longo da fachada Atlántica nun hábitat concentrado.

Fóra da área de candidatura as cidades máis próximas son A Coruña, Santiago e Ferrol, as tres na provincia de A Coruña, e Ourense, na provincia do mesmo nome (véxase plano Localización).

TENDENCIAS NA DINÁMICA E DISTRIBUCIÓN DA POBOACIÓN.

No Proxecto Galicia 2010, realizado por iniciativa do Goberno autonómico, realizouse un traballo de prospección a dez anos vista abordando diferentes sectores da sociedade e a economía galega. No relatorio de Cristóbal Ramírez analízase a dinámica e a distribución da poboación neste período, cuxos resultados se expoñen a continuación.

Constátase que nestes momentos (ano 2001) o índice de natalidade das mulleres de Lugo (0,84 fillos por muller) é, xunto co da provincia de Ourense, o máis baixo de Galicia. Así mesmo, o das galegas e as asturianas é o máis baixo de España e este, á súa vez, o máis baixo de Europa. O escenario desta década virá definido por un lixeira suba no número de nenos, mais este sutil incremento non impedirá que as cifras totais de habitantes sigan decrecendo: o número de falecementos é hoxe en día o dobre do de nacementos, debuxándose así a curva demográfica en "caída libre".

Por outra parte, a tendencia espacial da poboación apunta á concentración na liña de costa mediante un fenómeno que os xeógrafos chaman "en fervenza". Isto significa que a xente das aldeas marcha ás cabeceiras de bisbarra, de aí logo ás cidades de interior, e finalmente termina por se asentar na costa. A razón deste desprazamento está na busca de mellores condicións de vida e maiores oportunidades de emprego, así como algúns servizos especializados entre os que se encontra a educación superior.

O feito de que máis da metade (57%) da poboación de Galicia resida neste comezo de milenio en núcleos de menos de 2.000 habitantes non só reflicte o carácter rural do país, senón que en pouco tempo pasará a se converter nun dato histórico. Dentro duns anos estes núcleos pequenos estarán habitados exclusivamente por persoas de avanzada idade, primeiro paso para a desertización definitiva. Valla como exemplo que algúns lugares non urbanos das Rías Baixas(costa sueste de Galicia) teñen unha densidade de 500 habitantes por quilómetro cadrado, mentres que a densidade media do territorio de Terras do Miño rolda os 45 hab/Km2 e que en 7 dos 26 municipios que forman este territorio esta densidade diminúe por debaixo dos 20 hab/Km2.

Esta desertización traerá consigo a perda dos aproveitamentos tradicionais que deron lugar ás paisaxes de Terras do Miño e ao se deshabitaren as zonas rurais estas estarán suxeitas a fortes impactos ocasionados por presións económicas: repoboacións con especies de crecemento rápido, creación de encoros hidroeléctricos, parques eólicos, etc. que quedarán sen resposta ao non existir poboación nos arredores. En resumo, o despoboamento é un factor clave que pon nunha situación límite non só ao desenvolvemento humano sostible, senón tamén á conservación das paisaxes culturais e a diversidade biolóxica que encerran.

É pois un dos obxectivos básicos que se persegue coa declaración de Reserva da Biosfera frear esta dinámica negativa, ofrecendo distintas alternativas detalladas na Parte III: Plan de Desenvolvemento Sostible. Entre elas destacan as novas actividades económicas respectuosas co medio e os saberes tradicionais para fixar a poboación, así como a oferta de novos servizos que permitan compatibilizar a vida laboral das mulleres (e homes) coa súa maternidade (e paternidade).