Reservas da Biosfera Terras do Miño

Presentación

A Reserva da Biosfera Terras do Miño foi a primeira declarada en Galicia pola UNESCO o día 8 de novembro de 2002.

O río Miño, o máis importante e longo de Galicia, atravesa esta rexión, proporcionándolle unha maxia palpable nas súas augas, nas que se reflicte a historia e o pasado máis ancestral dos seus poboadores.

Así, nada máis nacer, o río deléitanos cunha bisbarra que destaca pola súa natureza e as súas singulares características, pequenas aldeas e pobos situados na conca alta do río, e que conforman Terras do Miño.

A Reserva esténdese por 26 municipios: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara, onde, xunto a monumentos milenarios cuxas pedras foron testemuña da presenza de antigos poboadores, encóntranse, tamén, castelos, torres e fortalezas, que gardan as máis incribles historias de amor do Medievo.

Todo iso, inundado por un inmenso sentimento de frescura no que as cores se combinan para formar unha das paisaxes naturais máis belas coa que se pode encontrar o ollo humano.

A auga, a orixe da vida, loce a súa beleza nas diferentes correntes e cascadas ao debuxarse en pequenas gotas que nos recordan que estamos inmersos en plena natureza.

Todo aquí está unido por camiños milenarios que nos levan a un mundo de lendas que rememoran as súas orixes, desde os celtas e romanos até os seus habitantes de hoxe que manteñen un estreito vínculo coa terra e reciben o visitante cunha hospitalidade única. É o vivo reflexo das tradicións de Terras do Miño.

É esta composición a que permite o 8 de Novembro de 2002 o nacemento da Reserva da Biosfera Terras do Miño, primeira declarada en Galicia.

As augas do Miño son a súa alma.

Unha paisaxe dominada pola auga que flúe libre desde as serras que rodean a Reserva para, despois, cruzar o territorio ao ritmo imposto pola escasa pendente desta paisaxe mesetaria coñecida como Terra Chá. Unha orografía que favorece a formación de valiosos ecosistemas ligados á abundancia de recursos hídricos.

É esta unha das principais características da Reserva da BiosferaTerras do Miño, que ocupa unha extensión de 363.669 ha, o que a converte na segunda máis extensa de todas as declaradas na Península Ibérica, ocupando un 39% da provincia de Lugo.

É, ademais, unha das de maior densidade de poboación, pois no seu territorio se encontran importantes núcleos urbanos. Asentamentos humanos que deixaron a súa pegada na rexión, en forma de sobresaíntes valores patrimoniais, testemuñas dunha longa historia.Terras do Miño é a única Reserva da Biosfera da Península Ibérica que conta no seu territorio cunha capital de provincia.

Video RB Terras do Miño


Candidatura Reserva da Biosfera

Ficha técnica RB Terras do Miño

Políptico Programa MaB y RB Terras do Miño

Diploma declaración RB

Libro Alto Miño - Terra Cha. Fundación Comarcal Terra Chá

Libreto RB Terras do Miño