Xeografia - Características Físicas

Topografía e características da zona

Altitude máxima: 1215 m na Serra de Oribio

Altitude mínima: 100 m nas estribacións orientais da Serra do Xistral.

Para información máis detallada véxase Plano Topográfico.

Altitudes (m)Superficie (ha)%
75-100172,80,0
100-200354,10,1
200-300764,70,2
300-40021156,75,8
400-500157099,143,2
500-600105157,828,9
600-70047566,413,1
700-80020186,55,6
800-9008109,12,2
900-10002506,50,7
1000-1100450,10,1
1100-1200143,40,0
1200-13001,60,0
TOTAL363668,8100.0

No territorio de Terras do Miño distínguense dúas das principais unidades xeomorfolóxicas de Galicia:

  1. A meseta de Lugo e
  2. As Serras Setentrionais.

A meseta de Lugo constitúe unha zona deprimida, lixeiramente afundida respecto á orografía pouco definida que a rodea. Nela poden distinguirse catro subunidades:

  • os rebordos montañosos que serven de límites oriental e occidental
  • as formas de aplanamento ou amesetadas a distintos niveis
  • as depresións terciarias
  • e os vales fluviais que se encaixan no conxunto e que contribúen a fragmentar as superficies de aplanamento

Os rebordos montañosos. A meseta está delimitada na súa parte norte polas serras setentrionais e un conxunto máis heteroxéneo de montañas, entre as que destaca o cordal de Neda e A Corda (véxase plano Topográfico).

Ao leste, o límite vén marcado polos primeiros aliñamentos que constitúen o conxunto das serras orientais lucenses, orientadas en xeral de norte a sur (Serra do Pousadoiro, Serra de Meira, Serra do Mirador, Serra da Vacariza e a Serra de Oribio).

Ao oeste, a divisoria encóntrase formada pola rama máis setentrional da chamada dorsal occidental galega, formada por un conxunto de serras orientada de norte a sur e cuxa liña de cumios segue, en termo xeral, o actual límite administrativo entre as provincias de Lugo e A Coruña. Estas serras (Serra da Loba, Cordal de Montouto, Serra da Cova da Serpe, Serra do Careón e Serra doFarelo) constitúen a divisoria de augas entre as cabeceiras dos tributarios do Miño, por un lado, e as dos ríos que desembocan directamente no Atlántico (Mandeo, Tambre, etc.).

Todas estas serras deben o seu trazado fundamental á tectónica, independentemente dos materiais que predominan en cada unha delas e teñen, en xeral, cumios aplanados pola erosión.

As superficies de aplanamento. Están constituídas por superficies de erosión extensas, elaboradas ao longo do terciario sobre materiais antigos e lixeiramente basculadas en sentido ascendente cara ao sur. Estas superficies amesetadas predominan na área estudada, de aí o nome da meseta lucense.

O primeiro nivel situado entre 540 e 580 m. esténdese polos municipios de Xermade e Guitiriz, prolóngase cara ao sur polos municipios de Friol, Begonte, Outeiro de Rei e Lugo, e esténdese cara ás serras orientais polos municipios de Castroverde, Castro de Rei e Pol. Este nivel entra en contacto con outro situado a menor altitude, en torno aos 450 m, situado na parte occidental da Terra Chá.

Nas proximidades das serras orientais distínguese outro nivel de aplanamento superior, arredor dos 700 m de altitude, xunto a Meira, estendéndose de xeito descontinuo até a depresión de Sarria.

Ao achegarse ao extremo sur da conca as superficies de aplanamento vanse elevando até situarse preto dos 600 m nos municipos de Guntín, Láncara e O Páramo. O progresivo encaixe do río Miño é unha proba desta oscilación .

As depresións terciarias son áreas máis ou menos extensas que teñen en común unha menor altitude (no contexto das superficies de aplanamento), a topografía totalmente plana ou case, e os materiais sedimentarios recentes que as compoñen.

Exemplos destas áreas son a braña de Boedo, en Guitiriz e a conca de Roupar ao NO, cuberta por depósitos aluviais; a parte oriental da Terra Chá, situada a 400-420 m, caracterizada pola presenza de materiais de drenaxe difícil e a abundancia de lagoas pequenas (Bardancos e Cospeito).

Os vales fluviais. Esta subunidade da meseta de Lugo está formada polos numerosos cursos de auga que forman a conca alta do río Miño. Estes axudaron a degradar os distintos niveis das superficies de aplanamento, trazando vales de vertentes suaves e pouco profundos, divagando sen encaixarse apenas nas

depresións terciarias e encaixándose cada vez máis conforme se achegan ao sur da conca.

As serras setentrionais aparecen representadas na área de estudo polas estribacións da Serra da Carba (905 m) e especialmente pola Serra do Xistral; estas serras marcan a divisoria de augas entre os ríos cantábricos e a conca alta do río Miño.

A Serra do Xistral, localizada no núcleo central das serras setentrionais, está constituída por un conxunto de serras menores seguindo unha orientación NNE-SSO e no que se alcanzan as maiores cotas en O Cadramón(1060 m), Seixo Branco (1057 m), Chan do Lamoso (1039 m), Xistral (1036 m) e Lombo Pequeno (1015 m).

Caracterízase por un relevo abrupto cuxa configuración é debida ademais de á diferenciación litolóxica (presenza de xistos, lousas, cuarcitas...), á acción fluvial, a dinámica tectónica e aos cambios climáticos, entre os cales debe destacarse as actuacións da morfoxénese glaciar e periglaciar. A dinámica tectónica á que se viu sometida esta serra determinou tamén a existencia de varios sistemas de fallas e fracturas que, especialmente nas áreas graníticas, condicionaron en boa medida a instalación da rede fluvial e dos vales

Destaca a presenza de distintas formas do modelado das zonas graníticas.

Como formas de exhumación presentes pode citarse (DÍAZ VARELA, 1999): bolos, tors, casttle-kopje, domos e microformas. Por outra parte, recoñecéronse áreas nas que aparecen alvéolos de alteración, así como mosaicos de formas de exhumación con alvéolos de alteración.

Os procesos xeomorfolóxicos de tipo glaciar e periglaciar son os que máis determinaron a morfoxénese do relevo das montañas setentrionais. Destaca así a presenza de elementos do modelado glaciar e fluvioglacial (circos, vales de fondo plano e cristas morrénicas); así como elementos do modelado periglaciar (vertentes regularizadas, vertentes de bloques e glaciares rochosos).

O modelado hídrico e fluvial vese representado coa presenza de pozas, cavorcos, furnas, terrazas fluviais, conos de dexección, saltos de auga e vales fluviais encaixados.

Por outra parte, a maior parte da Serra do Xistral aparece recuberta por un manto de potencia variable de sedimentos de diferentes procedencias. Na Serra do Xistral recoñecéronse varios tipos de formacións superficiais: depósitos glaciares e fluvioglaciais (moreas, terrazas fluvioglaciais, till), depósitos periglaciares (vertentes de bloques, glaciares rochosos, depósitos, coadas de xelifluxión), depósitos fluviais (terrazas fluviais, conos de dexección) e depósitos orgánicos de grande importancia como son as turbeiras. Nestas montañas de acordo cos criterios de RAMIL REGO et al. (1996) distinguíronse os seguintes tipos de turbeiras: turbeiras de cobertor, as turbeiras altas de alvéolo, turbeiras altas de fondo de vales, turbeiras altas de aba e turbeiras altas de obturación glaciar.

A rede hidrográfica

A área proposta inclúe case toda a conca alta do río Miño, desde o seu nacemento até pasada a confluencia co río Ferreira, na cola do encoro de Portomarín. Abrangue unha superficie de 3.321 Km2, máis do 90% do territorio proposto como Reserva da Biosfera e un 28% da superficie total da conca do río Miño; encóntrase limitada ao norte polas serras setentrionais, ao oeste pola dorsal galega e ao leste polas serras orientais, como xa se describiu anteriormente.

O Miño, segundo a maioría dos autores, ten o seu nacemento na serra de Meira, no lugar coñecido como Pedregal de Irimia a 700 m de altitude, de onde xorde un manancial de caudal constante a partir de bloques de cuarcitas ordovícicas desprovistas de vexetación, o que dá lugar a unha paisaxe moi característica.Véxase plano Topográfico.

Seguindo criterios xeográficos (IZCO, 1.997), as fontes do Miño sitúanse no Macizo Galaico-Asturiano (Serra da Carba, Serra doXistral, Serra da Toxiza, etc.) onde se forman as canles máis setentrionais do Miño: o regueiro Casal, ao pé de Pena Goia ou Monte Peñote, e o regueiro de Labrada nas vertentes de Pena da Mosa.

Os diversos regueiros e canles formadas na vertentes meridional do Macizo Galaico-Asturiano conflúen finalmente constituíndo as canles do Trimaz, Madalena, Batán , Arnela, Anllo, Labrada, etc.

Seguindo o curso do río desde o Pedregal de Irimia, este vaise engrosando con dous regatos: Porto da Pena e Xirómeno até formar unha canle definida. Pasada a vila de Meira, a 6 Km da súa orixe, recibe pola esquerda o caudal da Lagoa de Fonmiñá. Esta lagoa, considerada comunmente como o nacemento do Miño, trátase dunha surxencia kárstica causada pola existencia de dúas bandas calcáreas que cruzan de norte a sur a zona de Fonmiñá.

A partir deste punto o Miño discorre sobre os seus aluvións na Terra Chá. O seu curso é amansado e divagante durante os seguintes 50 Km, nos cales só descende un 0,19% (RÍO BARJA et al., 1.992); é entón cando o seu curso se fai extremadamente divagante, mudando repetidas veces de rumbo, abríndose en diversos brazos, canles anastomosadas e formando illas ou lagoas endorreicas. Desde Fonmiñá o Miño toma a dirección NO e vai recibindo os afluentes de Madalena ou Miñotelo e Rigueira ou Úbeda na súa marxe esquerda.

A partir do Úbeda, O Miño toma a dirección SO entrando na depresión coñecida como As Lamas, zona lacustre formada por sedimentos onde recibe ao río Pequeno á súa dereita, despois de fluír en paralelo 8 Km. Dous afluentes do río Pequeno, o Fontadrao e o Pontiga, de máis de 5 Km de percorrido, subsúmense na Terra Chá á altura da parroquia de Muimenta.

Máis adiante encóntrase co río Azúmara, procedente das serras de Monciro e do Miradoiro, despois de percorrer 25 Km.

O seguinte río que se une ao Miño é o Anllo: nace nas estribacións da serra da Carba e nos seus primeiros quilómetros labra un profundo val, parecéndose máis aos ríos cantábricos que aos daTerra Chá, mais a partir deles recupera o fluír divagante destes ríos e rompe en dous brazos: o occidental, chamado río Guisande, cara á lagoa de Cospeito, e o do leste, que desemboca no Miño. Desde este punto o Miño toma dirección SO e recibe ao río Lea.

Augas abaixo recibe pola dereita ao río Támoga, de 25 Km de lonxitude, formado por tres brazos, Santavalla, Arnela e Ribeira, que pasa xunto á lagoa de Cospeito á cal drena.

A lagoa de Cospeito é o testemuño máis importante dunha gran zona endorreica que abranguía todo o fondo da depresión de Terra Chá, do que se deduce que debeu ser un lago do Neógeno polo carácter lacustre dos seus sedimentos (RÍO BARJA et al., 1.992), que se abriu paso ao mar por medio do Támoga-Miño. Esta lagoa foi obxecto de colonización e revalorización agraria para o cal foi desecada. Posteriormente, acometéronse diversos proxectos de restauración que continúan na actualidade.

A partir do río Támoga, e antes de chegar a Rábade, o río Miño toma dirección sur e bifúrcase orixinando a Ínsua de San Roque (de 106 ha), a máis extensa de todo o seu percorrido, formada por sedimentos terciarios de arxilas lacustres. Unha vez pasada a illa, únese ao Miño o Ladra, río que drena toda a parte occidental daTerra Chá. Este río é o afluente principal canto á superficie drenada: 889 Km2, seguido de cerca polo Neira: 832 Km2. Nace nos Chaos de Roupar e alí recibe o nome de Trimaz. Este río discorre pola depresión de forma paralela ao río Chamoselo, da conca do Eume, até que un se desvía cara ao norte e outro cara ao sur, sen ningún proceso de captura. Ao confluír o Trimaz co Madalena xa toma o nome de río Ladra, que aínda recibe pola súa dereita os ríos Labrada e Parga antes de desembocar no Miño despois de percorrer 50 Km.

Antes de chegar a Lugo, o Miño recibe o río Robra pola dereitae o Narla e Mera pola esquerda. Xa na cidade de Lugo, chega ao seu fin a unidade xeográfica e morfolóxica da Terra Chá, tendo percorrido o Miño até este momento73 Km cunha pendente media de 0,45%; téndomos en conta o seu curso exclusivamente desde Fonmiñá, a pendente é tan só de 0,19%, feito que dá mostra do seu carácter divagante.

A partir de Lugo éntrase nunha nova etapa, nun novo ciclo erosivo: o río, antes divagante e sosegado, toma agora un carácter máis dinámico, abrindo unha canle cada vez máis angosta desde os 40 m de diferenza de altura a auga e a superficie de aplanamento principal en Martul e Robra aos 70 m en Lugo. Desde aquí cara ao sur, a medida que o nivel de erosión fundamental vai ascendendo, o río encáixase máis neste: no límite do termo municipal de Lugo alcanza os 100 m e chega aos 200 m en Portomarín.

Seguindo o seu curso, o Miño recibe pola esquerda ao río Chamoso e, a continuación, ao segundo afluente de maior superficie da conca: o río Neira.

O río Neira nace en Fontaneira a 940 m de altitude. Ten os seus primeiros tributarios bastante encaixados na Serra da Portela até que chega ao val de Neira de Rei. Recibe pola dereita o río Tórdea e pola esquerda o Sarria, volvéndose a estreitar de novo ao recibir este río. Cando desemboca no Miño, despois de percorrer 54,5 Km de lonxitude, alcanza unha diferenza de altura de 60-80 m.

Por último, na marxe dereita, próximo ao límite da área considerada, desemboca o río Ferreira. Este río nace na Serra do Careón a 700 m de altitude, recibe o rego Lavadoiro e despois de 42 Km desemboca no Miño.

A área proposta como Reserva da Biosfera comprende na súa maior parte a conca alta do río Miño (máis dun 90% da superficie total), aínda que tamén se encontran nesta área os nacementos de catro ríos máis nos cumios do Xistral. Son os ríos Eume, Landro, Ouro e Masma, os cales representan en conxunto un 8% da superficie total.