Programa MaB UNESCO

Antecedentes

O Programa sobre o Home e a Biosfera (MaB) da UNESCO iniciado a comezos dos anos 70 desenvolve as bases, dentro das ciencias naturais e sociais, para o uso sostible e a conservación da diversidade biolóxica, así como para a mellora da relacións entre as persoas e o medio.

O Programa MaB promove a investigación interdisciplinaria en ciencias naturais e sociais e a capacitación en xestión dos recursos naturais, en particular sobre a conservación e o uso sostible da biodiversidade. O MaB contribúe, deste xeito, non só a comprender mellor o medio, incluíndo o cambio global, senón tamén a un maior compromiso da ciencia e dos científicos co desenvolvemento de políticas relativas á utilización racional da biodiversidade biolóxica.

O Programa MaB colabora con outros organismos internacionais para impulsar resultados concretos en diversos aspectos do desenvolvemento sostible (Convenio sobre Diversidade Biolóxica, Convenio Ramsar para a actuación conxunta e coordinada das terras húmidas e Programa Internacional de Investigación Científica sobre a Biodiversidade).

A Secretaría do Programa MaB está situada na sede da UNESCO, en París, sendo o seu órgano de goberno o Consello Internacional de Coordinación (CIC), composto en cada momento de xeito rotatorio por 34 países dos 105 que participan no Programa MAB. A metade dos membros do CIC renóvase cada dous anos no transcurso da Conferencia Xeral da UNESCO. Nas reunións do CIC, que tamén teñen unha periodicidade de dous anos, elíxense os membros da Mesa (ou Buró), integrada por seis membros (un por cada unha das seis rexións mundiais de Nacións Unidas), do cales un é o Presidente e os demais son Vicepresidentes. Na actualidade España ocupa unha das vicepresidencias, en representación de Europa.

Cada país que se interesa e se compromete en aplicar este Programa debe organizar unha Comisión Nacional ou Comité MaB con carácter asesor, coordinador e xestor de accións, que integre como membros a representantes dos organismos e institucións máis relacionadas cos contidos do Programa MAB. Cando non é posible organizar un Comité, admítese que unha persoa asuma a función de Punto Focal do Programa MAB, se ben é recomendable que esta sexa unha situación transitoria.

Durante máis de trinta anos de funcionamento, o Programa foi centrando as súas actuacións na figura de reserva de biosfera. Na actualidade, o obxectivo prioritario do Programa MaB é promover o funcionamento das reservas de biosfera individuais e, sobre todo, potenciar a Rede Mundial de Reservas de Biosfera. Esta é considerada un instrumento eficaz para a aplicación de proxectos de conservación e uso sostible da diversidade biolóxica, para o desenvolvemento de programas científicos e para a xestión integrada dos recursos naturais, a través da aplicación do concepto de reserva de biosfera no terreo.

O Plan de Acción de Madrid, que foi aprobado durante o III Congreso Mundial de Reservas de Biosfera, marca a estratexia do Programa MaB para o período comprendido entre 2008 e 2013. Consiste nunha serie de obxectivos e accións que subliñan a necesidade de empregar as reservas de biosfera como lugares de demostración que ofrezan respostas eficaces a novos retos (perda dos coñecementos tradicionais e a diversidade cultural, a demografía, a perda de terras cultivables, o cambio climático, a biodiversidade ou o desenvolvemento sostible), lugares que sexan capaces de mitigar e adaptarse ao cambio climático, de promover un maior uso das enerxías renovables no futuro sostible das zonas rurais e urbanas e de mellorar e aproveitar os servizos dos ecosistemas e os produtos no desenvolvemento sostible para o benestar humano.

O Plan de Acción de Lima para o Programa sobre o Home e a Biosfera (MAB) da UNESCO e a súa Red Mundial de Reservas de Biosfera (2016-2025) contén un conxunto de accións exhaustivas, aínda que concisas, cuxo fin é o de garantir a implementación efectiva da Estratexia do MAB 2015-2025 adoptada polo CIC-MAB na súa 27.a sesión (UNESCO, París, 8-12 de xuño de 2015) e respaldada pola Conferencia Xeral da UNESCO na súa 38.a sesión (UNESCO, París, 3-18 de novembro de 2015). Tanto a Estratexia do MAB 2015-2025 como o Plan de Acción de Lima 2016-2025 fundaméntanse na continuidade da Estratexia de Sevilla e no Marco Estatutario da Red Mundial de Reservas de Biosfera (RMRB) e se basean nas conclusións da avaliación da implementación do Plan de Acción de Madrid para as Reservas de Biosfera (2008-2013).