Historia

Do Uso da Terra

A configuración actual dos usos da terra no territorio proposto presenta unha gran diversidade, derivada da existencia de áreas concretas con condicións moi específicas, nas que, á súa vez, se foron acentuando certas peculiaridades, modeladas por un aproveitamento humano desigual, cuxa orixe se remonta a épocas prehistóricas.

A omnipresencia dos ríos, pertencentes á conca alta do Miño, é un trazo común nestas paisaxes, cuxos habitantes buscaron desde tempos inmemoriais a proximidade dos cursos de auga para establecer os asentamentos, e desenvolveron numerosas formas para aproveitar este recurso: caneiros para a pesca, muíños movidos pola forza da auga, ferrarías etc. tendo que destacar como a presenza humana e o uso tradicional dos recursos desde moi antigo contribuíron en boa medida á conservación até o momento actual dos valores naturais e culturais de Terras do Miño.

A configuración histórica destas paisaxes foi evolucionando ao longo dos tempos segundo se sucedían as diferentes eras xeolóxicas.

A partir de rexistros polínicos púidose establecer que os cambios climáticos producidos ao inicio do Holoceno supuxeron unha importante alteración das paisaxes deste territorio, favorecendo a expansión rexional dos bosques. As formacións arbóreas planocaducifolias, carballeiras e abeledos fundamentalmente, continuaron co labor pioneiro dos bidueirais, colonizando a maior parte dos pisos inferiores do cinto montañoso que delimita a área.

Deste modo, fai entre 8500 a 8000 anos, a vexetación arbórea climácica xa estaba plenamente consolidada na rexión; á súa vez, en áreas propensas á inundación, tales como a Terra Chá, os bidueirais tamén constituíron comunidades riparias de certa extensión, polo que só permaneceron deforestados parte dos cumios das principais serras, así como certos ambientes nos que as condicións particulares do clima ou do substrato favoreceron o asentamento de comunidades: ecosistemas limnéticos, matogueiras e herbais.

O vento e o exceso de humidade que caracterizan as serras sublitorais que delimitan a área polo norte e o oeste, non soamente restrinxiron a colonización arbórea, senón que, á súa vez, as súas condicións hiperhúmidas, xunto coa topografía aplanada dos seus cumios, favoreceron a proliferación de ambientes higroturbófilos. Este tipo de configuración paisaxística, allea aos parámetros climáticos rexionais, aínda permanece vixente na actualidade nalgunhas das serras máis próximas á costa.

Os vestixios arqueolóxicos procedentes de diversos depósitos situados no ámbito da Serras de Xistral e Cadramón, confirman a existencia de asentamentos epipaleolíticos neste territorio. A actividade cazadora e colleiteira destes primeiros poboadores ocasionou perturbacións considerables nalgunhas localidades, aínda que, en conxunto, non parece que representasen unha transformación significativa das paisaxes desta rexión.

En varias áreas pantanosas quedou rexistrado durante o Holoceno Medio un período de forte desenvolvemento de elementos leñosos, tanto de porte arbustivo (Myrica, Erica ), como arbóreo (Betula,Alnus, Salix ), que chegaron a invadir algúns dos depósitos turbosos situados a menor altitude, como se documentou no porto de A Gañidoira (Serra do Xistral, Lugo), no que as elevadas porcentaxes de Betula rexistradas entre o 6.895-3.735 BP, así como a presenza de abundantes macrorrestos leñosos, testemuñan a implantación do bidueiral sobre a superficie da braña.

Ao final do Holoceno Medio prodúcese a adopción das técnicas agrícolas (agricultura de rozas baseada na utilización do lume) e gandeiras, e aínda que nun principio a presión antrópica sobre o medio natural foi bastante reducida, o sucesivo desenvolvemento e auxe das culturas do Calcolítico, da Idade do Bronce e do Ferro tivo como consecuencia unha acusada deforestación do territorio.

Todo este intervalo estaría marcado pola progresiva necesidade de incrementar os espazos destinados á agricultura e á actividade gandeira, co fin de satisfacer as demandas derivadas do aumento de poboación. Á súa vez, a minaría e a metalurxia asociada a ela, co conseguinte consumo de madeira e carbón vexetal que supoñen estas actividades, comezaron a partir da Idade do Bronce, intensificándose posteriormente, durante a Idade do Ferro e a Época Romana.

De acordo cos rexistros polínicos, en vales e depresións o mínimo arbóreo é anterior á Romanización, que se iniciou no NO ibérico nun momento en que unha boa parte dos bosques xa desapareceran, substituídos por matogueiras, pradarías e labrantíos.

Non obstante, nas áreas máis remotas das montañas setentrionais a máxima deforestación non se rexistra até a Idade Media.

Durante o réxime feudal (séculos IX e X) comeza o poboamento rural con finalidade colonizadora. O incremento da poboación supuxo unha evolución da agricultura cara á intensificación, tal e como mostra a documentación deste período sobre a existencia de rotacións bienais de centeo-barbeito, ou de centeo con paínzo ou nabos no territorio de Terras do Miño.

O continuo crecemento demográfico rexistrado a partir dos séculos XII e XIII, tivo entre outras consecuencias un incremento da presión humana sobre as masas forestais, en busca de novas terras e de materias primas. Neste período estableceuse o réxime foral en Galicia cunha gran repercusión na estrutura da propiedade, as formas de organización agraria e os aproveitamentos.

Rexístrase unha maior demanda de materiais de construción e o inicio dunha serie de actividades, como a creación de estaleiros en diferentes portos do Cantábrico e do Atlántico ou a proliferación de ferrarías; e comeza unha nova fase de profunda regresión dos bosques.

Esta tendencia acentuaríase durante os anos posteriores e alcanzou a súa máxima intensidade ao longo do século XVI, coa necesidade de manter o contacto cos territorios de ultramar e o esforzo por dominar o comercio marítimo.

Moitos dos montes deste territorio terminaron por se transformar en áreas de matogueira, que durante os últimos séculos desempeñaron un papel capital dentro da agricultura da rexión.

En realidade, foi só a partir dos anos 1959-1960 cando os modos tradicionais de utilización da landa comezaron a abandonarse.

Con anterioridade, as formas tradicionais de explotación incluíron diversas prácticas características de manexo que deron en se converter nun dos principais elementos esenciais da paisaxe.

As estivadas ou rozas, (consistentes en rozar, queimar e cavar zonas de terreo inculto para a obtención dunha colleita de cereal) fundamentadas na utilización do lume, tiñan como finalidade a obtención dunha única colleita, ben fose de centeo ou de trigo, aínda que desde finais do século XIX, e sobre todo a partir de 1920, comezaron a obterse dúas colleitas sucesivas, grazas ao emprego de escorias de deforestación e superfosfatos.

O obxectivo desta operación era, unha vez obtida a colleita, a renovación da cuberta de toxos e xestas, cuxas sementes se sementaban e xerminaban, tras a colleita de cereal. Practicábanse en lombas, elementos de altiplanos ou porcións de abas suaves, máis que en vertentes extensas ou de pendentes pronunciadas.

As fases de descanso estaban fixadas de acordo á calidade do monte e ás posibilidades que este ofrecía.

Outra práctica de notable importancia foron as postas en cultivo temporais, realizadas durante varios anos consecutivos, segundo unha rotación centeo-barbeito e en ciclos de entre 6-10 anos, tras os cales o solo se abandonaba e pasaba a ser invadido pola vexetación espontánea. Entre 12-30 anos máis tarde, sempre períodos máis longos que os de posta en cultivo, volvían continuarse os ciclos centeo-barbeito.

Á súa vez, a matogueira aproveitouse tradicionalmente para producir o esquilmo ou estrume (restos vexetais en seco de toxos, xestas...), indispensable para a cama dos animais e para a consecución de abundantes estercos e, polo tanto, fundamental para un sistema agrícola baseado na explotación coidadosa de espazos arables reducidos e na intensidade do traballo humano.

Así, cortábase o toxo e deixábase secar varios días no monte; posteriormente transportábase á casa onde se separaba o toxo para leña de consumo familiar (máis lignificado) do estrume (toxo de 3-6 anos). Obtíñanse dous tipos de esterco, o frío ou de corredoira (no que se amontoa o toxo e se deixa pisar e podrecer nas corredoiras ou camiños) e o cálido ou de corte (que se producía na corte ), con maior calidade.

Por iso, ao longo dos séculos, unha das maiores preocupacións das comunidades campesiñas foi a preservación, cando non a renovación e acrecentamento das matogueiras, entendidas como reservas de estrume.

Para explotar mediante un sistema equilibrado unha hectárea de terras agrícolas, era necesario dispór, por termo medio, dunha superficie de matogueira, vellas toxeiras incluídas, de unha a dúas ha que garantían a fertilidade necesaria desa hectárea agrícola.

Por outra parte, durante o transcurso dos séculos, as áreas de matogueira constituíron de forma permanente un inmenso terreo orientado a fornecer de alimento o gando e, en concreto, nas zonas montañosas foi frecuente o apacentamento en réxime de semiliberdade.

O apacentamento das vacas no monte representou un complemento imprescindible ao pasto en prados e ás forraxes procedentes das terras de cultivo.

Os cabalos tamén son excelentes usuarios da landa, manténdose aínda a práctica de gandaría equina en monte en réxime de apacentamento libre, con ou sen trabas nas patas. No caso das cabras e ovellas, o seu sustento baseábase fundamentalmente na utilización das matogueiras próximas ás vivendas.

Por último, as landas tamén teñen sido un subministro complementario de forraxes, xa que, tras cortar e picar groseiramente os novos xermolos, machucalos e mesturalos con feo ou herba verde, se ofrecían ao gando doméstico.

A dinámica subactual estivo cimentada na introdución de novas especies agrícolas e forestais. O aumento das porcentaxes de Pinus observado nas zonas polínicas máis recentes responde ás plantacións e repoboacións iniciadas con anterioridade ao século XVIII.

Ao inicio deste século sucedéronse repoboacións masivas, que provocaron que o piñeiral, fundamentalmente con Pinus pinaster Aiton, fose a formación arbórea dominante nalgunhas áreas. Recentemente continuaron estendéndose outras especies, como Pinus radiata D. Don, cara aos territorios interiores.

O primeiro efecto que tiveron estas repoboacións foi a prohibición ou restrición das estivadas polo evidente risco de incendio que supoñían, así como a prohibición do libre pastoreo durante os primeiros anos tras a repoboación.

A importación de flora desde os novos continentes propiciou tamén a chegada doutros cultivos exóticos (millo, pataca, eucalipto) que substituíron os tradicionais. Así, o millo (maíz) estendeuse rapidamente durante o século XVIII-XIX neste territorio a partir das zonas nas que se utilizaba tradicionalmente o paínzo (millo miúdo ), chegando a substituír totalmente a este e constituíndo na actualidade un dos cultivos de máis importancia en Galicia, destinado principalmente á obtención de pensos (se ben nos inicios foi destinaoa fundamentalmente para o consumo humano, en concreto para a elaboración do pan de broa ).

A pataca, introducida tamén no século XVIII precisou, porén, dunha maior adaptación ás condicións de solo e clima, así como de ensaios de variedades con mellores propiedades organolépticas; ao tempo, tivo que vencer a oposición dos propietarios forais á súa utilización, pois estes non podían obter avinzas da súa produción. É por iso que a súa expansión definitiva non se produciu até a metade do século XIX, pasando dunha utilización para o engorde do gando porcino a destinarse maiormente ao consumo humano, en substitución da castaña (consolidada até o momento como o produto fundamental tanto para o consumo humano coma para a alimentación do gando porcino) e influíndo mesmo no abandono do barbeito.

O século XX supuxo a eliminación do sistema foral en Galicia coa Lei de Redención de Foros de Primo de Rivera de 1926, co que desapareceron as imposicións sobre os cultivos (en xeral, os propietarios forais esixían que se pagase a avinza nunha determinada cantidade de trigo e centeo) e o aproveitamento das terras, ao decidir mesmo que cultivos debían ir en cada terra.

Isto implicou a conquista definitiva da pataca e o millo sobre as terras agrarias, os cales, unha vez incorporados ás rotacións de cultivo, supuxeron cambios nas formas de explotación tradicional e en consecuencia na paulatina desaparición das formas de organización agraria que perdían así a súa razón de ser.

O éxodo rural e a migración temporal aos países de Europa occidental durante a segunda metade do século XX fixeron diminuír o número das familias e de man de obra, feito que provocou unha regresión das rotacións de cultivo tradicionais postas en cultivo, segundo ritmo centeo-barbeito, que, malia iso, aínda perduran en Terras do Miño.

Os sistemas de explotación tradicionais e os aproveitamentos ancestrais mencionados anteriormente, retallos vivos da historia da relación do ser humano co medio, mantéñense en Terras do Miño, fundamentalmente nas áreas montañosas, onde os condicionantes do medio só permiten este tipo de aproveitamentos.

A importación de flora desde os novos continentes, tamén propiciou a chegada doutros cultivos exóticos ademais do millo e pataca, como é o caso do eucalipto, que substituíron os tradicionais.

O eucalipto, introducido no século XIX como especie ornamental, expandiuse de forma masiva polo territorio galego desde a segunda metade do século XX.

A distribución do eucalipto en Galicia até a década de 1990 aproximadamente abranguía as áreas costeiras, sendo a especie maioritariamente plantada o Eucalipto globulus. Esta especie, ao ir internándose en terras interiores encontrouse cun factor clave que freou a súa expansión: as baixas temperaturas e as xeadas rexistradas a unhas altitudes superiores aos 400 -450 m. Este é o motivo polo cal o territorio de Terras do Miño se mantivo sen apenas presenza desta especie (o 95% do territorio ten unha altitude maior que 400 m) en comparación coas áreas costeiras.

O gran rendemento económico desta especie en relación ás demais supuxo elevados investimentos en investigación por parte das empresas produtoras de pasta de papel, encontrando outras especies resistentes ao frío entre as que destaca o Eucalipto nitens.

Deste modo, na década de 1990 comezan as primeiras plantacións de eucaliptos resistentes ao frío en Terras do Miño, favorecidas polo abandono progresivo do campo e os incentivos económicos (subvencións) que supón a súa explotación; ao mesmo tempo existe unha total ausencia de planificación e regulacións sobre o uso desta especie.

A situación actual presenta polo tanto unha ameaza incipiente co progresivo cambio de uso do solo mediante o emprego destas especies exóticas, feito que supón unha perda de diversidade e unha degradación da riqueza natural das paisaxes características destes territorios. Auméntase a fragmentación das manchas de vexetación natural e pérdese o papel que estas teñen como refuxio da fauna á vez que se favorece a importante regresión que en todo o ámbito europeo sofren as masas forestais naturais.

Os profundos cambios socioeconómicos acaecidos até a actualidade desembocaron neste sistema de explotación en que os medios con índices de naturalidade máis elevados do territorio se corresponden cos ambientes higroturbosos, localizados nas zonas máis altas das montañas setentrionais (Serra do Xistral), e cos medios hidromorfos e bosques pantanosos, os cales, asociados ás canles principais, progresan a través das chairas de inundación.

Non obstante, a pervivencia destas paisaxes culturais, ao igual que a dos espazos con maior naturalidade, se encontra ameazada na actualidade ante o despoboamento, a profunda transformación dos sistemas de explotación e a actual crise agraria, a pesar dalgunhas recentes iniciativas para a súa conservación como son a inclusión dos medios con maior naturalidade na proposta galega para a RedeNatura 2000, así como as medidas agroambientais para a conservación da paisaxe a través do pastoreo extensivo e a protección e recuperación de razas autóctonas (razas bovinas autóctonas en perigo de extinción como a vaca rubia e o cabalo galego de monte ).