20 persoas aprenderon a facer marmeladas cun obradoiro gratuíto no Centro de Interpretación Terras do Miño



20 persoas participaron este sábado no obradoiro gratuíto Elaboración de conservas: marmeladas, que ofreceu o Goberno da Deputación no Centro de Interpretación Terras do Miño. O curso está enmarcado dentro da programación de actividades medioambientais do Executivo Provincial para o primeiro trimestre do ano. O Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, destacou que a través deste tipo de iniciativas aprovéitanse os recursos que ofrece a natureza, como froitas e verduras que se producen no rural.

Fernández Queipo subliñou que “obradoiros coma este, no que se aprenderon diferentes técnicas de conservación da comida, serven para que os lucenses coñezan os procesos de produción de alimentos e valoren os produtos agrícolas, xa non só como alimentos saudables, senón tamén polos seu valor no mercado e loitar así contra a desaparición da cultura agrícola tradicional”.

O obradoiro tivo unha duración de 4 horas nas que se deu aos participantes nocións básicas sobre os perigos que implican o consumo de alimentos mal conservados e as diferentes técnicas de conservación de alimentos. A parte práctica consistiu na elaboración de distintas marmeladas e hortalizas e froitas, tales como pementos, fresas, arandos ou grosellas.

15 actividades e 350 participantes
O Goberno da Deputación ofrece durante este primeiro trimestre do ano un total de 15 actividades moi variadas as que poderán acudir preto de 350 persoas entre os meses de xaneiro, febreiro e marzo no Centro de Interpretación Terras do Miño. As persoas interesadas en participar nalgunha das actividades programadas deberán reservar a súa praza na web www.deputacionlugo.gal; a través do correo electrónico und.medioambiente@deputacion.org e poden tamén chamar aos teléfonos 982 227 813 ou 982 305 930 para obter máis información.


This site is registered on wpml.org as a development site.