O investigador do IBADER e membro do equipo redactor do Plan Director da Rede Natura 2000, Javier Ferreiro, falará este xoves ás 19:00 horas sobre Xestión dos espazos naturais protexidos
Actividades coma conferencias, obradoiros ou exposicións, todas elas gratuítas, continuarán nos vindeiros meses. Máis información e inscricións en www.deputacionlugo.org
Preto de 700 persoas levan participado no que vai de ano na programación gratuíta posta en marcha no Centro de Interpretación pola Deputación de Lugo, co obxectivo de facer del un punto de referencia na divulgación e a formación medioambiental, en especial no referido á Reserva da Biosfera Terras do Miño. Actividades de todo tipo e para todos os gustos, tales coma exposicións, obradoiros ou monólogos de humor, dirixidos a públicos de todas as idades conseguiron atraer o interese de lucenses e foráneos, ó igual que o fixeron as numerosas conferencias ofrecidas, todas elas a cargo de reputados expertos.
Tal e como destacou durante a presentación desta programación a Deputada da Área de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, “tanto a tipoloxía das actividades, coma a ampliación do horario operativo do Centro, responde á nosa intención de achegar este Centro de Interpretación ó maior número de persoas posible, para facer del Centro de referencia en formación e coñecemento do noso patrimonio natural, así coma ó fomento de conductas respectuosas co medio, imprescindibles para a posta en valor da riqueza medioambiental da nosa provincia”.
Xestión de espazos naturais protexidos
O Centro de Interpretación Terras do Miño acollerá este xoves unha nova conferencia, ás 19:00 horas, a cargo do experto Javier Ferreiro da Costa, quen falará acerca de Xestión dos Espazos Naturais Protexidos. Este é un tema de actualidade debido á preocupación dos cidadáns e dos poderes públicos pola conservación da natureza, especialmente naquelas sociedades altamente industrializadas. O esgotamento dos recursos naturais a causa da explotación económica, a miúdo descontrolada, provoca en ocasións a desaparición de especies e hábitats, facendo da conservación e xestión dos espazos protexidos un dos retos máis desafiantes para a comunidade científica e para a sociedad en xeral.
Sobre este tema disertará Javier Ferreiro, enxeñeiro de montes e investigador do IBADER, especializado precisamente en conservación e xestión e espazos naturais ou valoración ambiental de espazos protexidos. Autor de numerosas publicacións científicas no campo da súa especialidade, é parte do equipo redactor de estudos técnicos de avaliación ambiental e seguemento de espazos protexidos, como as Reservas da Biosfera galegas, ademais de ter formado parte do equipo redactor do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia.
Continúan as actividades gratuítas
As actividades do Centro de Interpretación continúan durante os vindeiros meses. Haberá máis conferencias, actividades para nenos ou iniciativas orixinais para todos os públicos, coma o proxecto Land Art, exposición organizada en colaboración coa Escola de Arte e Superior de Deseño “Ramón Falcón”, que amosará as posibilidades que ofrece a natureza como material de creación artística, e non só como inspiración.
Os interesados en acudir a calquera destas actividades teñen máis información dispoñible na páxina web www.deputacionlugo.org. A inscrición é totalmente gratuíta.