A educación ambiental e a infancia, a análise nunha nova conferencia no Centro de Interpretación Terras do Miño

O catedrático Uxío Otero analizará o papel da natureza na educación dos nenos e analizará a problemática do pouco contacto que estes manteñen co medio na actualidade

Os interesados poden participar de xeito gratuíto inscribíndose na web www.deputacionlugo.org, simplemente cubrindo un pequeno formulario de inscrición

O Centro de Interpretación Terras do Miño acollerá este xoves, ás 19:00 horas, a conferencia Os valores educativos da natureza, na que Uxío Otero Urtaza, catedrático de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo, abordará a importancia do contacto coa natureza para a formación en valores coma a conservación do medio natural, así coma nas perspectivas estéticas dos máis novos.

A conferencia xirará en torno a eixes coma o nacemento deste movemento educativo no século XVIII ou a pedagoxía dos valores educativos que proporciona a natureza, atendendo ós diferentes estudios internacionais levados a cabo nos últimos 30 anos. Otero Urtaza, quen coordina o máster, único en España, de Dirección de Actividades Educativas na Natureza que se imparte na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, rematará analizando a problemática do pouco contacto que manteñen na actualidade os nenos coa natureza e o mundo rural, especialmente os nacidos nos núcleos urbanos.

Esta actividade está pensada para todos os públicos e o aforo estará limitado unicamente pola capacidade das instalacións do propio Centro. Os interesados poden inscribirse de xeito gratuíto cubrindo un pequeno formulario que atoparán á súa disposición na web www.deputacionlugo.org. Para máis información, poden contactar mediante correo electrónico ó enderezo und.medioambiente@deputacionlugo.org, ou ben chamando ó teléfono 982 227 812.

Actividades para toda a familia

As actividades do Centro de Interpretación para o 3º trimestre do ano, pensadas para públicos de todas as idades, continuarán en vindeiras datas. Precisamente para os días 14 e 15 deste mes está prevista a celebración dunha Gymkana Medioambiental na contorna do Rato, obradoiros de Cociña saudable para nenos, ou novas conferencias, coma a que se celebrará o día 26 de setembro e na que varios poñentes falarán acerca dos Valores e potencialidades da Reserva da Biosfera de Os Ancares Lucenses. Do mesmo xeito, continúa aberta a exposición Pegadas para a terra, que analiza o papel de diferentes colectivos e persoeiros en prol da defensa do medio ambiente e os dereitos humanos, se ben esta cambiará a súa ubicación actual, na zona do paseo do río Rato polo interior do Centro de Interpretación, para permitir continúar coas visitas evitando a climatoloxía adversa.


This site is registered on wpml.org as a development site.