Fallados os premios do concurso fotográfico de A viaxe polar



– Sonsoles López Izquierdo entregou os galardóns do concurso organizado polo I Congreso Nacional de Documentalistas e Fotógrafos de Natureza celebrado en Lugo o pasado outubro
– As fotos gañadoras dos lucenses Óscar Abelleira e Patricia Yáñez e a pontevedresa Guadalupe Pérez, xunto co resto de traballos presentados forman parte da mostra Naturalmente Lugo, que permanecerá aberta ata o 7 de setembro no Centro de Interpretación Terras do Miño

Fallados os premios do concurso fotográfico de A viaxe polar
A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, fixo entrega de galardóns ós premiados no concurso de fotografía que formou parte da programación do I Congreso de Documentalistas e Fotografía de Natureza A viaxe polar, organizado por Deputación e Concello de Lugo. Tanto o Congreso como o concurso fotográfico paralelo, tiveron unha excelente acollida entre o público malia ser a primeira edición, xa que contou coa participación de máis de 200 asistentes.

López Izquierdo destacou que “o que amosa que o patrimonio natural desempeña un papel dinamizador dende o punto de vista cultural e económico, o que quedou patente co éxito acadado con este congreso e todas as actividades paralelas que se organizan”

Este certame fotográfico tiña como obxectivo que os participantes no Congreso plasmaran o patrimonio natural da cidade de Lugo e da súa contorna, percorrendo durante dous días zonas verdes como os paseos dos ríos Miño e Rato, ou A Fervenza, espazos que forman parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Os mellores traballos foron os dos lucenses Óscar Abelleira e Patricia Yáñez e a pontevedresa Guadalupe González, merecedores do 1º, 2º e 3º premio, respectivamente.

As tres fotografías premiadas formarán parte xunto co resto de traballos da exposición Naturalmente Lugo, que permanecerá aberta ó público no Centro de Interpretación Terras do Miño.

A colección de 90 traballos que conforman esta mostra poderán ser visitados, dende hoxe e ata o vindeiro 7 de setembro nas instalacións do Centro, de xeito gratuíto, nos seus horarios habituais: de 9:30 a 14:30 horas de luns a venres, e de 16:00 a 19:00 horas os venres. Os sábados, o horario será de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. Os domingos, de 11:00 a 14:00 horas.


This site is registered on wpml.org as a development site.