Esgotadas as prazas para a ruta Andaina nocturna: seres mitolóxicos, que organiza o Centro de Interpretación Terras do Miño

– 20 nenos e adultos percorrerán a zona do Rato nunha actividade que arrinca mañá ás 21:30 horas e que levará ós seus participantes a coñecer máis da relación entre mitoloxía galega e natureza.

– A axenda do Centro de Interpretación continúa en agosto e setembro con máis actividades pensadas para públicos de todas as idades. Máis información e inscricións en www.deputacionlugo.gal ou no 982 227 812.

Un total de 20 adultos e nenos tomarán parte este martes, entre as 21:30 e as 23:30 horas, en Andaina nocturna: seres mitolóxicos, actividade organizada pola Deputación de Lugo a través do Centro de Interpretación Terras do Miño (CITM). Os participantes percorrerán a zona do río Rato seguindo unha ruta inspirada pola mitoloxía galega. Ó longo de dúas horas, o roteiro levará ós asistentes a descubrir o vencello entre as lendas e contos do imaxinario galego e os elementos da natureza.

Esta actividade enmárcase na programación do terceiro trimestre do CITM, que continúa neste mes e en setembro con novas actividades, como conferencias e obradoiros, especialmente pensados para os máis novos. As actividades son as seguintes:

Xornadas para nenos de entre 5 e 12 anos. Con 20 prazas cada unha. Horario de 11:00 a 14:00 horas:

– 6 de setembro, Pegadas de Animais, actividade que se celebrará entre as 11:00 e as 14:00 horas, cun límite de 20 prazas.
– 27 de setembro, Cociño no Medio Natural, tamén co mesmo horario e número máximo de participantes.

Xornadas para familias:

– 11 de setembro, Andaina nocturna: as lendas da lúa. Con outras 20 prazas. De 21:30 a 23:30 horas.
– 13 e 14 de setembro, Móllate e colle 3, actividade sen límite de prazas, que se celebrará no Caneiro da Tolda, nas Ínsuas de Rábade. O horario da actividade é de 11:00 a 14:00 horas, e de 16:00 a 19:00 horas.
– 21 de setembro, Identificación de flora, de 11:00 as 14:00 horas, cun límite de 40 prazas.

Tamén haberá conferencias:

– O 10 setembro, o Centro de Interpretación Terras do Miño acollerá a conferencia Estudio De Contaminación Mariña, a cargo do Dr. Tony Butt. 40 prazas. A partires das 19:30 horas.
– O 18 de setembro, terá lugar a derradeira conferencia deste trimestre, denominada Fungos Termófilos, a cargo do Dr. Julián Alonso Díaz. Ás 19:30 horas no Centro de Interpretación Terras do Miño, para un total de 40 persoas.

Os interesados poderán inscribirse e atopar máis información sobre estas actividades na web www.deputacionlugo.gal, ou ben poñéndose en contacto directamente coa Área de Medio Ambiente no 982 227 812


This site is registered on wpml.org as a development site.