– Regina Polín reuniuse cos veciños da parroquia guitiricense para darlles conta das actuacións que levará a cabo a institución provincial para conservar o patrimonio histórico artístico do templo.
A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, reuniuse cos veciños da parroquia de Labrada, no Concello de Guitiriz, para darlles conta das actuacións que desenvolverá a Deputación co fin de recuperar o conxunto histórico artístico da igrexa parroquial. O organismo provincial acometerá estes traballos, respondendo deste xeito á peticion dos habitantes desta localidade preocupados porque os frescos dos séxulos XV e XVI, de estilo renacentista, existentes no interior do templo están moi deteriorados a causa das humidades, e tras a deixadez para acometelos das administracións que teñen competencia nesta materia.
Durante a reunión, na que estiveron presentes representantes dos colectivos Plataforma ProLabrada, Asociación de Mulleres Rurais e da asociación de cazadores; así como veciños da parroquia; Polín subliñou o compromiso da Deputación para recuperar estas obras de gran valor histórico e patrimonial da provincia, ao tempo que sinalou a importancia destes murais, “que debemos conservar e pór en valor como reclamo para atraer turismo á zona e dinamizar así a economía local”.
A Deputación de Lugo xa ten elaborado un proxecto para solucionar estes problemas de humidades e filtracións de auga, provocados porque o interior do templo se atopa a un nivel máis baixo que o terreo que o rodea e a escaleira do campanario verte as augas pluviais cara o interior. Neste aspecto, o proxecto elaborado pola Deputación comprende dúas actuacións: por unha banda, realizarase unha drenaxe no lateral dereito da igrexa e, por outra, instalarase un canalón perimetral e unha baixante que recollerá as augas pluviais e as dirixirá cara esta drenaxe. Para realizar estes traballos, a institución luguesa asinará un convenio de colaboración coa Diócese de Mondoñedo-Ferrol, ao igual que leva feito para acondicionar outros templos da provincia.
As actuacións que a Deputación ten previsto realizar non se limitan ao interior do templo, senón que tamén contemplan o acondicionamento da contorna da igrexa, en particular do aparcadoiro situado a carón da mesma mediante a aplicación de zahorra, posto que neste caso hai que atender con rigorosidade as indicacións da Dirección Xeral de Patrimonio. Os veciños trasladáronlle á Deputada a proposta de reunirse con representantes da Dirección Xeral de Patrimonio para estudar a viabilidade doutras opcións.
Pinturas ocultas ata os anos 90
A igrexa de Labrada, un templo de estilo románico que conta cun retablo barroco do século XVIII, escondeu estas “xoias”, tal e como as cualifica a Deputada, ata os anos noventa, cando, ante o deterioro das paredes procedeuse á retirada da capa de cal que cubría a pedra orixinal descubrindo o conxunto de frescos, de gran valor, que esta agochaba.