A Deputación destina 80.000 euros a renovar o club fluvial de Begonte e dotar dunha pasarela peonil ao de Baamonde



– Gómez Besteiro anunciou os investimentos, que impulsarán as actividades de lecer destes dous centros asociativos de referencia do Concello, que suman máis de 600 socios, e servirán para atraer máis visitantes á zona.
– O organismo provincial leva investido 5 millóns de euros na dotación e mellora de servizos e infraestruturas do municipio chairego dende hai 8 anos.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este domingo que o organismo provincial achegará 80.000 euros para actuacións de mellora nos clubs fluviais de Begonte e Baamonde, dous centros de referencia da actividade asociativa e de lecer do Concello begontino, que reúnen a máis de 600 socios e atraen a ducias de persoas, sobre todo na tempada de verán. Estes complexos, ademais de áreas recreativas, ofrecen numerosas actividades, como tiro con arco, baixada en kaiak, paintball ou Fútbol 7.

Por unha banda, a Deputación destinará 39.900 euros ao Centro de Iniciativas e Turismo (CIT) de Begonte para executar obras de mellora no edificio de usos múltiples do club fluvial. Gómez Besteiro coñeceu as instalacións nas que se acometerán os traballos, que consistirán na renovación do edificio que acolle a cafetería e os servizos de duchas e vestiarios. As actuacións estarán rematadas previsiblemente antes do mes de outubro. Trátase dunha axuda máis da Deputación na posta en valor deste espazo, que na tempada de verán, e cando a meteoroloxía é boa, recibe unha media diaria de 150 persoas.

A institución lucense financiou con outros 30.000 euros a execución dun plan integral de mellora no club fluvial de Begonte, a través do que se levaron a cabo melloras no parque infantil, no espazo deportivo e na zona de recreo.

Por outra banda, a Deputación concederá 39.000 euros ao Centro Recreativo, Cultural e Deportivo (CERCUD) de Baamonde para construír no club fluvial unha pasarela peonil sobre o río Parga, unhas instalacións que tamén visitou hoxe Gómez Besteiro. A estrutura facilitará o acceso a unha zona de lecer nunha carballeira. O proxecto xa conta cos permisos oportunos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

O Presidente subliñou que esta nova colaboración económica de 80.000 euros servirá para impulsar as actividades de lecer destes dous centros de referencia do Concello e atraer máis visitantes á zona. Son obras “cunha profunda relevancia social, que melloran a calidade de vida dos veciños e contribúen a atraer máis xente ao noso rural para gozar de actividades de lecer, o que axuda a algo tan urxente hoxe na provincia como é facer máis vivas e acolledoras os nosos pobos para fixar poboación”, asegurou Besteiro.

Casa escola de Carballido

Gómez Besteiro tamén supervisou hoxe a primeira fase das obras de rehabilitación acometidas na Casa Escola de Carballido cunha achega de 5.000 euros da Deputación a través do Plan de Comunidades Veciñais, programa grazas ao que as agrupacións veciñais e asociacións de Begonte recibiron dende o ano 2007 preto de 220.000 euros para melloras de camiños e outras dotacións sociais, como escolas rurais, locais sociais, centros culturais e instalacións recreativas.

5 millóns de euros en Begonte

Todas estas actuacións forman parte dos investimentos por valor de preto de 5 millóns de euros que a Deputación leva realizado no Concello de Begonte nos últimos 8 anos, tanto a través do Plan de Comunidades Veciñais, como do Plan de Obras e Servizos, grazas ao que se instalou unha EDAR na parroquia de Bóveda, se ampliaron as redes de saneamento nos núcleos de Carral, Saavedra e Os Trollos, e se dotou de alumeado público aos de Saavedra, Mato e Devara. A Deputación mellorou o abastecemento de auga de Begonte, construíu os accesos ao polígono industrial, acondicionou o firme do cinto comarcal da N-VI á L-541 e reformou o centro cultural da localidade, ademais de ampliar as redes de saneamento de Quitimil, Illán e Saavedra. Entre outras actuacións, tamén dotou de acceso libre e gratuíto a Internet á praza do Concello, a través do plan Innova-TE.


This site is registered on wpml.org as a development site.