Unhas mil persoas interesáronse na mostra da Capela de Santa María polo traballo dos ferreiros da provincia



Coa exposición Mans de Ferro, que reuniu unhas 150 pezas de 31 ferreiros lucenses, a Deputación rendeulle homenaxe a un oficio “que pode ofrecer moitas alternativas de futuro”.

Unhas mil persoas interesáronse polo traballo dos ferreiros da provincia en “Mans de ferro”. Trátase da exposición de acceso gratuíto que durante un mes e medio e ata hoxe acolleu a Capela de Santa María. A mostra, centrada na figura dos ferreiros e nas súas distintas xeracións, reuniu unhas 150 pezas elaboadas por 31 artesáns da provincia, o maior de 93 anos e o máis mozo de 32, así como de 2 afiadores. A maiores, incluía un recoñecemento ás mulleres dos ferreiros, partícipes do seu traballo.

Entre o milleiro de persoas interesadas na ferraría que se achegaron á Capela para ver a exposición, destaca a visita da Asociación Contra o Cancro de Guitiriz, na que participaron unhas corenta persoas.

Coa mostra Mans de ferro, a Deputación rende homenaxe a un “oficio en certo declive, pero que aínda segue vivo, sendo capaz de ofrecer moitas alternativas de futuro, como a elaboración de elementos decorativos ou ornamentais”, tal e como subliñou a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez.

Entre as pezas que se poideron ver, atopábanse fouciños de hai preto de 60 anos, un dos instrumentos de labranza que os ferreiros lugueses vendían aos agricultores de Castela para segar o trigo, así como coitelos ou navallas de diferentes tamaños. As pezas expostas estaban acompañadas dunha fotografía do ferreiro creador, todas elas realizadas por José Salgado, un dos comisarios da mostra.


This site is registered on wpml.org as a development site.