Máis dunha trintena de lucenses aprenden a identificar cogomelos co coloquio gratuíto no Centro de Interpretación Terras do Miño

32 persoas participaron este xoves no faladoiro gratuíto Cogomelos de interese na contorna de Lugo, que impartiu o micólogo e membro da Sociedade Micolóxica Lucus, José Castro, no Centro de Interpretación Terras do Miño. O coloquio está enmarcado dentro da programación de actividades medioambientais do Goberno da Deputación para o primeiro trimestre do ano. O Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, destacou “a crecente relevancia dos fungos na gastronomía lucense, a súa importancia económica e o seu aproveitamento sostible”.

Fernández Queipo subliñou que “este faladoiro está pensado para achegar aos lucenses ao mundo da micoloxía e, deste xeito, poidan identificar aqueles cogomelos característicos da nosa provincia. Debido á grande consideración que teñen dentro da nosa gastronomía, e o seu valor económico e medioambiental, a Deputación ten organizado varias xornadas divulgativas e saídas ao campo para identificar, recoller e degustar estes fungos, tamén para potenciar os recursos dos Concellos lucenses, e como valor diferencial que fan de Lugo unha provincia medioambientalmente única”.

O coloquio tivo unha duración de hora e media na que o micólogo Xosé Castro explicou aos participantes as características detalladas dos cogomelos que adoitan atoparse con frecuencia na contorna de Lugo, para coñecemento xeral das persoas asistentes e co fin de por en valor os ecosistemas naturais da provincia.

Programación totalmente de balde
Cada ano, centos de persoas participan de xeito totalmente gratuíto nesta programación de actividades medioambientais que ofrece a Deputación. De feito, o ano pasado, foron máis de 1.500 os veciños da provincia que se sumaron a estas actividades. A través deste tipo de iniciativas, o Goberno busca fomentar entre a cidadanía valores relacionados coa conservación e mantemento do medio ambiente e, ao mesmo tempo, dar a coñecer o entorno natural da provincia, co fin de aprender a respectalo e coidalo.


This site is registered on wpml.org as a development site.