O Pazo de San Marcos, punto de encontro das entidades que traballan en custodia do territorio de Galicia



O Deputado de Medio Ambiente inaugurou este sábado unha xornada no Salón de Actos da Deputación aberto tamén aos axentes sociais e económicos que están vinculados á estratexia de conservación do territorio

O organismo provincial ten en marcha dende o ano 2014 un proxecto innovador para dinamizar as zonas de alto valor ecolóxico e social da provincia como son as Insuas do Miño e Ollos de Begonte, pertencentes á Reserva da Biosfera Terras do Miño

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, abriu este sábado no Pazo de San Marcos a III Xornada Galega de Custodia do Territorio, a primeira que se organiza na Deputación de Lugo. Unha cita que está pensada como un punto de encontro entre as entidades que traballan en custodia do territorio en Galicia e un foro aberto a outros axentes sociais e económicos que están vinculados dalgunha forma á estratexia de conservación do territorio.

“Estamos nun momento crucial para a conservación do medio ambiente porque a presión sobre os nosos recursos naturais nunca foi tan alta. É a nosa responsabilidade garantir que as futuras xeracións poidan desfrutar dun entorno san e próspero”, afirmou o Deputado, incidindo en que na provincia de Lugo “contamos cunha biodiversidade rica que se le nas nosas paisaxes e da que facemos bandeira con moito orgullo. Unha riqueza natural que temos que protexer e xestionar de xeito sostible”.

Carlos López puxo o foco en que a “custodia do territorio é unha ferramenta fundamental nesa misión. Involucrando aos propietarios das terras, comunidades locais e organizacións na protección e xestión dos nosos recursos naturais, podemos lograr unha conservación efectiva e duradeira. Unha colaboración que nos permite preservar os nosos bosques e ríos ao tempo que fomentamos o desenvolvemento económico sostible que necesitan as nosas comunidades”. “O desenvolvemento sostible non é só un concepto, é unha necesidade urxente. Debemos encontrar o equilibrio entre o crecemento económico, a inclusión social e a protección do medio ambiente. Desde o Goberno provincial levamos tempo favorecendo a conservación do territorio nunha aposta consciente e decidida por ese camiño do desenvolvemento sostible”.

Nesta xornada, dixo López, “temos a oportunidade de aprender de expertos e de compartir experiencias sobre como podemos mellorar as nosas prácticas de custodia do territorio”.
Pola mañá abordáronse temas como os avances a nivel estatal de interese para a custodia do territorio en Galicia e o mapeo de iniciativas galegas que están en marcha; xa pola tarde os participantes continuaron a xornada na Casa das Insuas, en Rábade, para coñecer a contorna e abordar as liñas de traballo que teñen en común as entidades participantes.

Insuas do Miño e Ollos de Begonte
A Deputación ten en marcha dende o ano 2014 un proxecto innovador para dinamizar as zonas de alto valor ecolóxico e social da provincia como son as Insuas do Miño e Ollos de Begonte, pertencentes á Reserva da Biosfera Terras do Miño. A institución provincial destina 25.000€ anuais a través dun acordo de colaboración coa Asociación Galega de Custodia do Territorio, que realiza o traballo que os terreos necesitan, ademais de actividades de divulgación para todos os colexios da provincia de Lugo ou visitas á zona. A Deputación conta cun Centro de Interpretación no que leva a cabo diferentes obradoiros, investigacións, inventarios ou citas sobre especies autóctonas. Con esta iniciativa, a institución conseguiu dinamizar un lugar que estaba practicamente abandonado e crear unha imaxe favorable da zona.


This site is registered on wpml.org as a development site.