A Deputación de Lugo contrata o alumeado do Paseo do Rato e acada un aforro de 615.000 euros

O Executivo Provincial aprobou hoxe na Xunta de Goberno a adxudicación destes traballos con 750.000 euros dos 1,4 millóns comprometido. O aforro permite levar novas melloras á zona
– En 15 días, comezarán as obras nun treito de 7 quilómetros, situando 252 farolas e 283 luminarias LED. Máis seguridade na estrada tamén con 1.500 metros de biondas
– Un sistema informático permitirá controlar os puntos de luz e regular a súa intensidade para aforrar custos e adaptalos ás condicións climatolóxicas
O Goberno da Deputación contrata o alumeado do Paseo do Rato e acada un aforro de 615.000 euros
O voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, informou este venres que o Executivo Provincial aprobou na Xunta de Goberno de hoxe a contratación das obras de dotación de novo alumeado público ao paseo do Río Rato e á estrada LU-P-2925.Estas actuacións, que, previsiblemente, comezarán en 15 días, foron adxudicadas con 750.000 euros. Santos Ramos explicou que “destinamos a estes traballos 1,4 millóns de euros e conseguimos un aforro de 615.000 euros no proceso de adxudicación, que nos permite levar máis mellora á zona”. Foron 22 as empresas que participaron neste proceso público de contratación. As obras levaranse a cabo nun treito de 7 quilómetros, concretamente entre a Avenida de Madrid e o parque do Sagrado Corazón. Serán un total de 283 novos puntos de luz LED ecolóxicos, dos que 103 se instalarán na estrada e 144 no paseo. A súa intensidade oscilará entre os 179 e os 12,5 vatios, tendo en conta a súa ubicación, para respectar o medio ambiente. Colocaranse outros 3 proxectores no túnel que hai debaixo da rotonda do parque. Tamén se instalará un sistema informático que permitirá controlar cada un dos 283 puntos de luz, así como regular a súa intensidade lumínica co fin de aforrar custos ao poder adaptala ás condicións climatolóxicas.Para a colocación dos puntos de luz, instalaranse 252 farolas de cor neutra para reducir o impacto ambiental, e a unha distancia entre as mesmas de 25 metros no paseo e de 30 na estrada. As farolas do paseo teñen 1 punto de luz e as da estrada 2, coas que se iluminará a zona verde e a propia vía.Ademais dos traballos de iluminación, incrementarase a seguridade na LU-P-2925, situando 1.500 metros de biondas.Para poder realizar estas obras, será necesario situar 20.000 metros de cables, que serán de aluminio, e non de cobre, para evitar posibles roubos ou actos vandálicos.


This site is registered on wpml.org as a development site.