A Deputación de Lugo recibe fondos da UE para medidas de 2 millóns coas que aproveitar espazos da Rede Natura

– A Unión Europea premiou o proxecto que presentou o Executivo Provincial, coa colaboración da USC e UDC, ao abeiro da programación Life, concedéndolle 1,4 millóns
– Levarase a cabo en montes veciñais da Serra do Xistral na Reserva da Biosfera Terras do Miño, en Abadín, Muras, Viveiro, O Valadouro e Ourol; e o conxunto das actuacións serán acordadas cos veciños
– Esta iniciativa xorde da ausencia por parte da Xunta de Galicia dun plan de acción na Rede Natura 2000, que permita ao sector agrogandeiro aproveitar os seus terreos de xeito sostible. “Foi unha acción restritiva e non construtiva”, apuntou Santos Ramos

O Executivo da Deputación aprobou este venres na Xunta de Goberno recibir da Unión Europea 1,4 millóns de euros para o desenvolvemento do proxecto Xestión en común da terra, un modelo de conservación e desenvolvemento rural en Zonas Especiais de Conservación, que presentou á entidade comunitaria ao abeiro da programación Life.

A Unión Europea vén de premiar a iniciativa do Goberno Provincial, concedéndolle dita cantidade orzamentaria, que se suma aos 206.000 euros que achega a propia Deputación, aos 145.000 euros da Universidade de Santiago de Compostela e a outro tanto por parte da Universidade da Coruña.

Son case 2 millóns de euros para a posta en marcha de medidas que permitan aproveitar e mellorar a produción de montes veciñais en man común, situados en espazos da Rede Natura 2000, e conservar os seus hábitat naturais.

O Goberno da Deputación presentou este proxecto, tendo en conta as limitacións que supón para o sector agrogandeiro ter terreos na Rede Natura, pois a Xunta só se ocupou de catalogar este espazo, sen desenvolver un plan de actuación que permita a súa posta en valor. “Foi unha acción restritiva e non construtiva”, destacou Santos.

Medidas cos veciñas na Serra do Xistral
O Executivo Provincial realizará este proxecto nos montes veciñais da Serra do Xistral, é dicir, en espazos dos Concellos de Abadín, Muras, Ourol, O Valadouro e Viveiro. Contará coa participación directa dos veciños, pois cada un das medidas que se acorden poñer en marcha serán acordadas polos usuarios destes espazos. Por exemplo, executar obras para abrir camiños, habilitar cercos ou renovar pastizais con maquinaria ou mesmo animais, entre outras. O período de implantación das medidas participativa é de 5 anos.


This site is registered on wpml.org as a development site.