Sonsoles López Izquierdo presentou hoxe as conferencias do 1º trimestre do ano, que se inauguran coa que ofrecerá Pablo Piñeiro Fraga sobre a Avespa Asiática, especie invasora que pode reducir a produción de mel e mesmo acabar coa vida das colmeas
Esta é a primeira das actividades programadas para o 1º trimestre e que forman parte da programación de charlas, visitas guiadas e obradoiros que se celebrarán no Centro de Interpretación Terras do Miño nos vindeiros meses
A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo presentou hoxe a programación de conferencias que acollerá o Centro de Interpretación Terras do Miño no primeiro trimestre deste ano, a primeira das cales será a do vindeiro día 24 ás 19:30 horas, Avespa Asiática (Vespa vetulina) en Galicia. Identificación, control e medidas preventivas nos nosos colmeares, e coas que a Deputación pretende dar un impulso ó labor de formación medioambiental, que é un dos obxectivos fundamentais que persegue o Centro.
Esta conferencia, que impartirá o veterinario investigador do Grupo de Control Parasitario e Secretario da Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA) Pablo Piñeiro, presente neste acto de presentación que tivo lugar no propio Centro, versará acerca desta especie invasora, presente en Galicia dende o ano 2012 e procedente do continente asiático. Os efectos desta especie sobre as colemas de abellas melíferas da provincia son especialmente negativos, posto que soen atacar as colmeas, provocando un claro descenso na produción de mel e mesmo a súa morte. Os danos poden ser especialmente graves na provincia de Lugo, na que xera un volume de negocio na provincia de 4 millóns de euros ó ano coa venda dos 740.000 quilos de mel que se producen en Lugo. Esta facturación representa case o 35% do total en Galicia, Comunidade que vende 2 millóns de quilos de mel, acadando 12 millóns de euros anuais. Esta especie causa, así mesmo, importantes danos nas colleitas de frutais.
O mel, o propóleo ou a xalea teñen destinos cada vez máis diversos, por exemplo, na gastronomía ou na cosmética. Deste xeito, a apicultura pode supoñer un factor de impulso económico e de creación de postos de traballo no rural, sen esquecer que resulta unha actividade que contribúe á conservación do medio, atendendo á labor de polinización das abellas. Así pois, “resulta de especial interese ofrecer formación ós apicultores profesionais e afeccionados, así coma a posibles emprendedores”, tal e como destacou López Izquierdo.
A 1ª das actividades programadas
Esta conferencia é a primeira das moitas actividades programadas no Centro de Interpretación ó longo do ano. Precisamente durante o acto de hoxe, López Izquierdo aproveitou para lembrar o resto de charlas que se celebrarán no Centro de Interpretación Terras do Miño no primeiro trimestre do ano.
Así, no mes de febreiro será a quenda de Sistemas alimentarios locales. Exposición dos resultados do taller Internacional sobor dos sistemas alimentarios locais, organizada en colaboración coa Universidade de Santiago e a Universidade Van Hall Larenstein, de Holanda, que se celebrará o día 15, e Os anfibios e reptiles na provincia de Lugo. Biodiversidade e conservación, o día 28 do mesmo mes.
Xa no mes de marzo celebraranse dúas conferencias, os días 7 e 21: Biomímese. Innovación inspirada na natureza e A Educación ambiental como ferramenta para a conservación do medio natural, respectivamente. Ademais deste ciclo de conferencias, a programación completaranse con obradoiros para nenos e adultos, visitas guiadas e outras actividades ó aire libre, en canto a climatoloxía sexa menos severa. Ademais, o Centro ampliará o seu horario habitual ás tardes e mesmo ás fins de semana.
Os interesados en acudir a calquera destas actividades só teñen que poñerse en contacto co departamento de Medio Ambiente no teléfono 982 22-78-12 ou a través do enderezo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org. A inscrición é totalmente gratuíta.