A Deputación promove a conservación das Reservas da Biosfera cunha Xornada de Custodia do Territorio, en Rábade



O Goberno da Deputación promove a conservación das Reservas da Biosfera, coa celebración este martes da Xornada sobre custodia do territorio e conservación de espazos naturais protexidos, organizada polo organismo provincial, en colaboración coa Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT). O encontro enmárcase dentro do acordo que o Executivo provincial asinou en 2014 para o estudo da xestión das Insuas do Miño e Ollos de Begonte. No primeiro dos relatorios, a cargo do técnico da AGCT Martiño Cabana Otero, déronse a coñecer os avances realizados no estudo para a xestión deste territorio de 106 hectáreas, situado na zona de confluencia dos Concellos de Outeiro de Rei, Rábade e Begonte.

O organismo provincial colabora para contribuír á conservación e posta en valor da biodiversidade e o patrimonio cultural, así como á exposición de ideas e experiencias de xestión na montaña ou en áreas con características semellantes e mostrar as posibilidades didácticas do patrimonio natural lucense, que acubilla unha excepcional riqueza biolóxica. O traballo conxunto entre Deputación e AGCT ten como obxectivo principal a mellora do estado de conservación das Insuas do Miño e Ollos de Begonte, mediante actividades de investigación, divulgación e educación ambiental. O Alto Miño é un dos complexos húmidos de grande importancia e peculiaridade, pola súa abundancia e diversidade de hábitats de ribeira, lagoas e turbeiras, cun elevado grao de naturalidade.

A xornada deste martes tivo como finalidade achegar a custodia dos territorios aos axentes implicados, técnicos, funcionarios e políticos, para dar a coñecer o patrimonio natural lucense ós Concellos da provincia e establecer medidas de conservación e xestión dos espazos naturais protexidos.

Asociación Galega de Custodia do Territorio
A Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) fundouse en Rábade en 2008, coa intención de recuperar e conservar o patrimonio natural, mediante a custodia do territorio. Ten a súa sede na Casa das Insuas, en Rábade, antiga casa consistorial convertida en centro de estudo e conservación da natureza. A este obxectivo contribúen outras entidades naturalistas galegas, que colaboran na creación de programas de educación ambiental e difusión dos valores naturais do territorio galego, en particular, a comarca da Terra Chá e as súas zonas limítrofes.

Relatorios
O biólogo e técnico da Asociación Galega de Custodia do Territorio, Martiño Cabana Otero, foi o encargado de abrir o ciclo de relatorios para dar conta dos estudos realizados en colaboración coa Deputación. As charlas foron as seguintes:
– Traballos realizados no Acordo de Custodia do Territorio entre a AGCT e a Deputación de Lugo para a xestión das Insuas do Miño e Ollos de Begonte, Martiño Cabana Otero. Biólogo e técnico da Asociación Galega de Custodia do Territorio.
– A custodia do territorio como ferramenta para a conservación da biodiversidade da comarca das Mariñas coruñesas, Fernando Bandín Monteiro. Membro do Padroado da Fundación Fragas do Mandeo.
– A participación social na RB de Alto Bernesga e posta en marcha do proxecto Custointegra, Beni Rodríguez. Xerente da RB de Alto Bernesga.
– A Custodia do Territorio para a conservación dos humidais da Limia, Serafín González Prieto. Investigador e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural.
– A Custodia do Territorio na montaña lucense, Óscar Rivas López. Técnico da Asociación Galega de Custodia do Territorio.


This site is registered on wpml.org as a development site.