A Fundación TIC colabora co Concello de Lugo e o diario El Progreso nun proxecto multimedia de promoción da Praza e o Mercado de Lugo



A Fundación TIC colaborou co Concello de Lugo e co grupo El Progreso na realización dun proxecto multimedia para a promoción da Praza de Abastos e o Mercado de Quiroga Ballesteros. O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, Darío Campos; a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; e a Presidenta de El Progreso, Blanca García Montenegro, presentaron este martes, o documento audiovisual, nun acto que se celebrou na propia Praza ao que tamén asistiu o Patrón da TIC, Álvaro Santos, e outras autoridades.

Darío Campos destacou que “a Fundación TIC envorcouse neste proxecto multimedia innovador para a promoción da Praza e o Mercado de Lugo, co que cumprimos o obxectivo de colaborar en todas as iniciativas que axuden á dinamización da provincia e do seu tecido económico e social”.

Trátase dun paper monográfico, que inclúe imaxes e vídeos realizados pola Fundación TIC, así como textos e fotos dos que son autores xornalistas e reporteiros gráficos do xornal El Progreso. A publicación pódese consultar a través da web da TIC, www.fundaciontic.org, que tamén lle dará difusión nas redes sociais, e no xornal dixital do grupo El Progreso, Galiciaé www.galiciae.com. A peculiaridade do traballo é que dá a opción de acceder aos contidos pasando as follas, nas pantallas táctiles de ordenador, tableta, ou de calquera dispositivo móbil.

Un equipo de profesionais, bolseiros e alumnos da TIC encargouse de todas as xestións e do traballo de produción necesario para levar adiante o proxecto que se desenvolve para axudar a darlle promoción a estas instalacións recentemente modernizadas. A TIC tamén ocupouse da filmación e da realización de fotografías de cada un dos postos da praza e o mercado municipais. En total, editáronse 55 vídeos que serven de presentación dos distintos postos e nos que se inclúen explicacións, receitas e curiosidades narradas polos empresarios que rexentan os establecementos comerciais e de hostalería.

Promoción e colaboración co tecido social
A Fundación TIC apoia esta iniciativa de dinamización económica e social de Lugo dentro do labor que desenvolve para a promoción da provincia, que inclúe acordos de colaboración con concellos, asociacións sociais, culturais e deportivas, así como con outro tipo de entidades. A TIC xa ten colaborado noutras ocasións con grande éxito co grupo El Progreso na creación e difusión de iniciativas e recursos turísticos da provincia, como foi o caso do pape radicado aos “Sons da Ribeira Sacra”.

Este tipo de convenios de colaboración tamén contribúen a ofrecer unha formación máis completa ao alumnado Escola de Imaxe e Son de Lugo, que ten a oportunidade de realizar prácticas en situacións reais de traballo xunto cos profesionais da TIC.


This site is registered on wpml.org as a development site.