14 alumnos do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes coñecen as instalacións do Mazo de Santa Comba e Terras do Miño



14 alumnos de 4º da ESO do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, acompañados por dous profesores do centro e dous profesores de nacionalidade húngara, coñeceron este mércores as instalacións do Mazo de Santa Comba e o Centro de Interpretación Terras do Miño, co fin de realizar un traballo fotográfico e audiovisual que amose o patrimonio natural, cultural e histórico da provincia. Estes traballos serán presentados a os preto de 35 alumnos do programa Erasmus Plus Ka299 que se chegarán a Lugo en marzo coa finalidade de por en valor este enclave, situado a escasos quilómetros da capital luguesa.

Os alumnos visitaron o Mazo de Santa Comba, un enclave recuperado polo organismo provincial como un exemplo de arqueoloxía industrial. O complexo atópase dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Nas instalación, os visitantes poden descubrir paneis informativos e coñecer de primeira man o funcionamento do muíño, do mazo, da serra ou da moa de afiar, mecanismos accionados pola forza da auga e que significaron, no seu tempo, un pulo importante na economía local. A Deputación, no marco da súa aposta polas enerxías renovables para conservar o medio ambiente e reducir custes, instalou unha turbina hidráulica que aproveita a enerxía cinética da auga do río Chamoso, e xera electricidade completamente verde coa forza da auga, convertendo ao centro etnográfico nun espazo autosuficiente enerxeticamente.

Outra das visitas que realizaron os mozos do instituto lucense foi ao Centro de Interpretación Terras do Miño, que se encontra nun edificio rehabilitado, tamén pertencente a reserva da Biosfera, e situado no paseo do Río Rato. Alí puideron contemplar unha exposición audiovisual da etnografía, natureza, historia, paisaxe e cultura da auga.

Visitas guiadas

As visitas ao Mazo de Santa Comba son guiadas e de balde para todos os públicos, e realízanse a grupos mediante inscrición previa. Forman parte do catálogo de actividades de educación e divulgación ambiental que se efectúan desde o Servizo de Medio Ambiente da Deputación e está aberto a todas as persoas, colectivos ou usuarios que queiran achegarse para coñecer este complexo etnográfico.


This site is registered on wpml.org as a development site.