50 escolares do Colexio Maristas A Inmaculada de Lugo, con idades comprendidas entre os 11 e 12 anos, están a recibir estes días formación sobre 7 árbores significativas na contorna do río Rato. O obxectivo da actividade, que se celebra en dúas sesións, entre este martes e mañá mércores 20 de febreiro, no Centro de Interpretación Terras do Miño da Deputación, é fomentar entre os máis novos o coñecemento das especies típicas da zona. Así, os estudantes aprenden a identificar as distintas especies de árbores a través das súas follas, coñecen as súas características morfolóxicas e as funcións que desempeñan na natureza.
O Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, subliñou que “estas accións formativas con sesións prácticas cos máis pequenos están pensados para achegar aos escolares ao mundo do medio ambiente. Ademais, a implicación da Deputación nestas xornadas encádrase na decidida aposta do Goberno da Deputación polo desenvolvemento sostible do medio rural. Para iso, a formación é unha vía máis para avanzar no progresivo impulso da economía”.
“Con esta actividade preténdese que os estudantes sexan capaces de identificar as principais especies de árbores da Reserva de la Biosfera Terras do Miño, así como a súa importancia dentro do ecosistema, fomentando o respecto ao medio ambiente”, destacou.
Sesión teórico-práctica
Cada sesión, a deste martes e a do mércores 20, conta con 25 estudantes, a quen a investigadora Ana Viadé Borrego amosa unhas diapositivas para explicarlles aos asistentes o que é unha Reserva da Biosfera. Os escolares traballan despois coas follas e cos froitos das 7 árbores máis representativas na contorna do Paseo do Rato: ameneiro, carballo, castiñeiro, freixo, bidueiro, espiño e salgueiro.
Durante o obradoiro, impártense nocións sobre o que son as claves de identificación de especies. Os escolares deben adiviñar o nome científico e o común das árbores a partir da descrición das características e funcións de cada exemplar. O obxectivo é familiarizalos coa morfoloxía destas árbores. Así, a actividade ten como finalidade fomentar unha conciencia de coidado e a conservación do medio