Darán conta dos resultados dunha investigación conxunta sobre sistemas alimentarios locais e agricultura urbana nunha conferencia que se celebrará este venres, ás 19:00 horas
A vindeira xornada no Centro, dedicada á biodiversidade de anfibios e reptís na provincia, terá lugar o día 28 de febreiro. Información e contacto en 982 227 812 e und.medioambiente@deputacionlugo.org
O Centro de Interpretación Terras do Miño acollerá este venres, día 15, unha conferencia na que se exporán os resultados dun estudo levado a cabo conxuntamente pola Universidade de Santiago de Compostela, a través do seu “Máster Terra”, e a Universidade Van Hall Larenstein, de Holanda. Trátase dos resultados dun estudo sobre “Sistemas Alimentarios Locales e Agricultura Urbana”, levado a cabo polos alumnos participantes no Máster, e co que amosarán as vantaxes que os sistemas alimentarios locais e a agricultura urbana poden ofrecer á cidade de Lugo.
As preocupacións orixinadas pola incerteza ante o sistema de produción industrializado, globalizado e altamente dependente do petróleo, orientan correntes coma a dos sistemas alimentarios locais, que tentan resolver os problemas de seguridade alimentaria mediante o fomento da produción, procesado e comercialización local de alimentos, empregando recursos de alimentos nas cidades e nas súas inmediacións. Isto motiva un cambio no plantexamento de moitas áreas urbanas, dadas as oportunidades que a agricultura urbana ofrece como incentivo á economía local ou á mellora da calidade medioambiental.
Nesta conferencia abordaranse aspectos teóricos destes sistemas alimentarios locais e poranse en marcha dinámicas destinadas a facer reflexionar ó público asistente para propoñer novos escenarios e iniciativas para a cidade.
Hortos urbanos da Deputación
A Deputación de Lugo foi unha administración pioneira en Galicia –e unha das primeiras de España, tras Barcelona e Madrid-, coa posta en marcha do novidoso proxecto de hortos urbanos, que facilitou ós lucenses dispor de hortos ecolóxicos nas zonas verdes de Lugo, como as contornas do río Rato e a Ponte de Paradai, co obxectivo de potenciar estas zonas e impulsar os produtos autóctonos.
A institución provincial cede os terreos nos que os veciños cultivan ata 50 produtos, coma pementos, leitugas, tomates, allos, cebolas, chícharos, coles, patacas ou acelgas. Ademais, a Deputación concede axudas para a compra de sementes e presta asesoramento, organizando cursos de formación en colaboración coa Universidade, ou mellorando as instalacións.