A Deputación impulsa un Plan de Acción para a Reserva Terras do Miño que contará cun investimento de 4 millóns de euros



Gómez Besteiro presidiu a reunión do órgano reitor da Reserva da Biosfera Terras do Miño que decidiu por unanimidade aprobar o documento

O Plan se desenvolverá nos vindeiros 10 anos e contempla nove liñas de acción coa intención de potenciar o espazo da reserva

Na reunión tamén se acordou a inclusión de 8 novas asociacións no órgano de participación.

Por unanimidade quedou aprobado esta mañá o Plan de Acción da Reserva da Biosfera Terras do Miño, que impulsa a Deputación e que contará cun orzamento de 4 millóns de euros. Todos estiveron dacordo en darlle o visto bó ó Plan que ten un prazo de 10 anos para cumprri os seus obxectivos.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, presidiu hoxe as reunións dos Órganos de xestión da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Esta figura de protección e fomento do territorio natural da provincia busca, mediante a participación de tódolos sectores implicados, iniciativas para a posta en valor do territorio. Na cita de hoxe, o Órgano de Participación reuniu a máis de 50 persoas entre alcaldes dos municipios da reserva, representantes de organizacións e asociacións da zona.

O Plan de Acción é un extenso traballo desenvolto por expertos do IBADER que propón un plan de acción a 10 anos e cun investimento de 4 millóns de euros. No informe emítese unha diagnose da situación da Reserva Terras do Miño e se analizan as posibilidades de xestión, promoción e posta en valor deste territorio. Segundo a análise dos expertos na Reserva de Terras do Miño é hai 11 hábitats, 44 especies de flora e preto de 200 animais de interese para a súa conservación.

O Plan de Acción establece 9 liñas estratéxicas e 20 liñas de acción que guiarán as iniciativas que desenvolva o Órgano Reitor nos vindeiros anos. As accións irán encamiñadas á conservación do patrimonio natural, a difusión dos valores naturais e culturais da zona, buscando en todo momento a compatibilidade do medio rural e o turismo coa biodiversidade propia da reserva. Promocionaranse os productos de calidade de manufactura local e a conservación dos recursos patrimoniais contando sempre coa cooperación das asociacións para a súa sostenibilidade. Con este plan preténdese mellorar a calidade de vida dos veciños, con novas oportunidades para dar a coñecer o patrimonio natural e cultural da reserva, promovendo un turismo sostible e fomentar o emprego da reserva como ámbito de investigación e fonte de apredizaxe.

O plan foi aprobado por unanimidade e para posibilitar a participación cidadá antes terá que pasar polas fases de exposición pública, coa súa publicación no BOP en setembro deste ano, previa a súa aprobación definitiva.

Actuacións da Deputación en Terras do Miño

Na reunión o Presidente da Deputación fixo un balance das actividades desenvoltas durante o pasado ano nesta Reserva da Biosfera pola institución provincial e que suman preto de 30 iniciativas diferenciadas. Trátase de actuacións que se desenvolveron co gallo do 10 aniversario da declaración da Reserva da Biosfera Terras do Miño pola Unesco. As actuacións da Deputación neste eido van dende a posta en marcha de plataformas de venta en internet, colocación de sinalización, rutas do km0, celebración de actividades de concienciación medioambiental, a organización de concursos fotográficos e exposicións, ou celebracións de xornadas, entre outras.

Para o 2013 o Presidente adiantou varias liñas de traballo nas que ademais do Plan de Acción se inclúen a definición da nova zonificación da Reserva en función dos cambios que se produzan na Rede Natura 2000 e a creación dun portal web didáctico da Reserva da Biosfera.

Novas asociacións para o Órgano de Participación

Con anterioridade o órgano reitor aprobou por unanimidade a inclusión neste órgano da Asociación Cultural Arrincadeira de Riotorto, a Asociación Galega de Custodia do Territorio, Asociación Cultural Amigos do Patrimonio de Castroverde, Sociedade Micolóxica Lucus, Asociación de Desenvolvemento Comarcal Terra Chá, Asociación Os Sete Castros, Asociación de Montes e Vales e Asociación de Desenvolvemento da Comarca da Mariña.


This site is registered on wpml.org as a development site.