25 persoas participarán este sábado, entre as 11:00 e as 14:00 horas, nunha ruta polo Paseo do Río Rato con indicacións teóricas e prácticas para divulgar a flora e a fauna lucense
A actividade, que é completamente gratuíta, inclúe xogos interactivos e traballos manuais para desfrutar aprendendo en familia sobre a biodiversidade da provincia
Esta cita forma parte da programación do Centro de Interpretación para o primeiro trimestre do ano. Máis información sobre outras actividades e inscricións en www.deputacionlugo.org
25 persoas participarán mañá nunha ruta organizada polo Centro de Interpretación para dar a coñecer entre as familias lucenses a flora e a fauna da Reserva da Biosfera Terras do Miño. A actividade, para a que era preciso anotarse previamente, realizarase entre as 11:00 e as 14:00 horas na contorna do Paseo do Río Rato e é completamente gratuíta.
Trátase dunha actividade para achegar, dun xeito lúdico e adaptado a todos os públicos, a riqueza natural da provincia. Concretamente, os participantes realizarán un percorrido a pé polas inmediacións do Centro de Interpretación Terras do Miño, recibindo as indicacións dos monitores para recoñecer a flora e a fauna propias desta zona. Ó longo da xornada tamén se realizarán xogos interactivos como adiviñar de que animal se trata a través do seu son ou realizar traballos manuais para reproducir as especies con papel, pintura e barro.
Esta actividade enmárcase na programación do Centro de Interpretación Terras do Miño para o primeiro trimestre do ano que inclúe propostas para todas as idades coas que divulgar o patrimonio natural da provincia. Todas as actividades son gratuítas e pódense consultar na web www.deputacionlugo.org.