– O organismo provincial fai unha achega de 2.000 euros para financiar a alimentación e o coidado desta especie protexida, que leva máis de unha década en perigo de extinción.
– Sonsoles Izquierdo destacou que “colaborar con AVIFAUNA permítenos dar a coñecer entre os máis pequenos a importancia do medio ambiente, impulsando o estudo da flora e da fauna”.
– AVIFAUNA e Deputación teñen asinado un convenio por valor de 20.000 euros que permite que miles nenas e nenos da provincia se acheguen ás súas instalacións de balde.
A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López, un dos socios fundadores do centro, Carlos Fernández Moreira, e o responsable do parque, José María Díaz Paz, deron conta este martes nas instalacións do parque zoolóxico Avifauna dos novos convenios asinados entre o organismo provincial e o centro de interpretación.
Por unha banda, a Deputación ven de apadriñar ao Urogallo, unha especie protexida e en perigo de extinción dende hai máis de unha década, a través dunha achega de 2.000 euros dirixidos aos coidados e alimentación deste ave, característica da zona norte do país. Por outra, presentouse un convenio por valor de 20.000 euros co que se financian visitas de centos de colexios para coñecer, de xeito totalmente gratuíto, a riqueza natural da provincia. Grazas a este convenio, no 2014, máis de 20.000 escolares da provincia achegáronse ao parque para coñecer de primeira man a importancia da flora e fauna, autóctona e foránea.
A Deputada destacou que “estes convenios entre Deputación e Avifauna ofrecen a posibilidade de difundir a riqueza da fauna da provincia entre os máis pequenos, promocionando deste xeito o respecto, coidado e estudo das aves da provincia”.”. López Izquierdo avanzou que a institución provincial apadriñará tamén o vindeiro ano esta ave autóctona “co fin de preservar a fauna da provincia”. Sonsoles López explicou que “o parque zoolóxico AVIFAUNA é un dos espazos naturais máis importantes de España; de feito, conta co distintivo de ter a maior colección de aves de España, o que o sitúa á cabeza das aulas da naturezaPola súa banda, Carlos Fernández agradeceulle ó organismo provincial a súa colaboración e afirmou que, sen estas achegas, a situación do Centro de Interpretación “sería moi complicada”.
AVIFAUNA e a súa labor na natureza
AVIFAUNA alberga máis de 200 especies diferentes de aves repartidas actualmente nunha extensión de preto de 30.000 m². O Parque Zoolóxico está deseñado para a realización de visitas guiadas mediante un percorrido a través dun xardín botánico no que os participantes poden observar a riqueza e variedade de aves dos 5 continentes, en 76 recintos en función da especie ó que pertencen. No centro préstase unha atención especial á fauna autóctona e tamén a aquelas especies que, polo seu estado de conservación, se atopan en programas específicos de recuperación.