– Con cartóns, papeis, lana, bolsas ou follas de mazaroca de millo, os nenos elaboraron coa axuda dos seus pais orixinais traxes de xoaniña, peixe, sirena, gato ou árbore .
– Esta actividade “ofrece unha alternativa aos residuos que xeramos no día a día, e fomenta a reciclaxe e o respecto polo medio ambiente”, destacou Sonsoles López.
O Centro de Interpretación Terras do Miño ensinou este sábado aos máis pequenos a facer disfraces con materiais de refugallo durante o obradoiro O Entroido no Bosque. Os nenos utilizaron cartóns de caixas de galletas, de cereais e de leite, papeis de periódico, lanas, bolsas de lixo ou follas de mazaroca de millo para elaborar coa axuda dos seus pais orixinais traxes. Uns elixiron disfrazarse de xoaniña, outros de peixe, sirena, gato, león ou árbore.
Esta actividade dirixida ás familias que reuniu en Terras do Miño a unha vintena de persoas entre nenos e pais, está enmarcada dentro das actividades do Centro de Interpretación, e busca “poñer en valor o entorno natural e fomentar a reciclaxe”, subiñou a Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo.
“A través deste tipo de iniciativas ofrecemos unha alternativa de reciclaxe dos elementos que se xeran no día a día das familias”, destacou López Izquierdo, que lembrou “o forte compromiso da Deputación con este tipo de actividades, pois consideramos que a riqueza natural da provincia é un factor diferenciador que debemos aproveitar da mellora maneira posible, preservándoo para as vindeiras xeracións”.
A xornada arrancou cun pequeno roteiro polo monte, onde se observaron as características propias do medio e onde se recolleron elementos de refugallo. Durante o paseo, os participantes foron deseñando xa os seus traxes en función dos materiais atopados.
A través desta actividade, a Deputación continúa a impulsar o estudo, respecto e coidado do entorno, fomentando valores como o consumo responsable dos recursos naturais, así como a reciclaxe. O organismo provincial ofreceu só no 2014 máis de 1.000 prazas gratuítas para participar en actividades relacionadas co medio ambiente.