A Reserva da Biosfera organiza actividades medioambientais nos ríos para 70 persoas de colectivos sociais diversos



O Goberno da Deputación organizou para os días 4 e 8 de maio varias actividades de divulgación e sensibilización do patrimonio natural, nas que participan 70 persoas de colectivos sociais diversos, dende alumnos universitarios ata nenos e nenas, e internos do Centro Penitenciario de Bonxe. As actividades arrincaron esta mañá coa visita guiada dun grupo de 15 reclusos de Bonxe ao Centro de Interpretación Terras do Miño, no río Rato, e ao Mazo de Santa Comba, ambas as dúas instalacións propiedade do organismo provincial. A saída foi organizada a petición do Centro Penitenciario para que os internos puidesen coñecer a riqueza das Reservas da Biosfera e o patrimonio etnográfico e natural da Deputación.

Ademais, no marco do convenio entre o Goberno da Deputación e a Asociación Galega de Custodia do Territorio, organizáronse varias actividades relacionadas coas insuas do Miño. Así, o martes pola mañá outro grupo de 20 internos de Bonxe deuse cita na Casa das Insuas de Rábade para proceder á limpeza das marxes do río, nunha actividade denominada “Proxecto ríos”. E pola tarde, uns 15 estudantes do Mestrado Terra da Escola Politécnica de Lugo participou na mesma contorna na “ruta das ínsuas”, un percorrido circular duns 5 quilómetros que permite descubrir os diferentes ambientes que se atopan nas ínsuas.

As actividades continúan o luns 8 de maio pola tarde, coa organización dunha nova ruta das insuas, esta vez, dirixida a un grupo de 20 nenos e nenas en risco de exclusión, guiados pola Cruz Vermella e técnicos da Asociación Galega de Custodia do Territorio.

Acordo coa Asociación Galega de Custodia
A Deputación de Lugo mantén un convenio coa Asociación Galega de Custodia para a protección das ínsuas do Miño, en Rábade e Outeiro de Rei; e da ínsua Pozos de Begonte, que son de titularidade provincial. O convenio inclúe a realización de actividades de mantemento e coidado das ínsuas así como de sensibilización medioambiental.


This site is registered on wpml.org as a development site.