– Fernández Queipo avanzou este xoves que outros 40 lucenses poderán recibir asesoramento individualizado e formación teórica-práctica para abrir os seus negocios
– Farano a través das accións que inclúe o V Campus de Emprendemento Sostible. Mañá abre o prazo de inscrición en www.deputacionlugo.gal ata o 5 de marzo
– 80 estudantes de FP coñecen as oportunidades de emprender coas sesións que se levan aos IES San Rosendo de Mondoñedo, IES Trapero Pardo en Castro de Rei e CFEA Alta Montaña, que son os 3 centros públicos da provincia que ofrecen ensinanzas superiores sobre produción agropecuaria, xestión forestal e do medio ambiente
– A Deputación tamén sensibiliza a 46 alumnos de Secundaria sobre o emprendemento con clases no IES de Becerreá e CEIP de Navia de Suarna. O Deputado e o Alcalde deste último Concello participaron hoxe nunha das sesións
O Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, adiantou este xoves que o Goberno Provincial decidiu pór en marcha a quinta edición do Campus de Emprendemento Sostible tendo en conta o éxito acadado coas anteriores convocatorias, pois motivaron a xeración ata o momento (mentres se continúa co asesoramento para o desenvolvemento doutros proxectos empresariais) de 21 novas empresas na provincia e, polo tanto, de novos postos de traballo no conxunto do territorio lugués.
Fernández Queipo explicou que a través do Campus de Emprendemento Sostible o Executivo da Deputación ofrece gratuitamente a todos os lucenses formación, asesoramento individualizado e coñecemento in situ sobre iniciativas empresariais exitosas, con visitas ás mesmas e encontros cos emprendedores, co obxectivo de poñer en marcha os seus propios establecementos en calquera dos 29 Concellos que integran as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. “Deste xeito, tamén contribuímos á posta en valor destes espazos naturais, á promocións das súas oportunidades económicas e a facer fronte ao despoboamento demográfico”, engadiu.
Solicitude, cursos e datas
O Deputado adiantou que mañá mesmo, 16 de febreiro, se abre o prazo de solicitude do Campus. Hai 40 prazas. Os interesados poden inscribirse ata o 5 de marzo no espazo que estará habilitado en www.deputacionlugo.gal. Poderán participar en calquera dos dous seguintes Campus, cuxas clases formativas se impartirán no Centro de Interpretación, situado no Paseo do Río Rato, na capital lucenses:
Campus de motivación empresarial: (20 prazas) abordaranse os elementos principais a ter en conta á hora de abrir unha empresa, as oportunidades de negocio na provincias, os proxectos exitosos postos en marcha… As sesións teóricas terán lugar o 6, 7 e 8 de marzo en horario de 10:00 a 14:00 horas. Haberá visitas a empresas o 9 de marzo.
Campus de maduración empresarial: (20 prazas) traballarase a maduración da idea empresarial de cada un dos participantes, analizando, por exemplo, a súa viabilidade comercial, técnica e legal a través da metodoloxía Canvas, o enfoque medioambiental con exemplos prácticos ou a viabilidade económico-financeira a 5 anos. As sesións teóricas desenvolveranse o 12, 13 e 14 de marzo en horario de 10:00 a 14:00 horas. Haberá visitas a empresas o 15 de marzo.
21 empresas xeradas
As catro anteriores edicións do Campus de Emprendemento Sostible supuxo polo de agora, pois continúa o asesoramento para a posta en marcha de máis proxectos empresariais, dun total de 21 novas empresas na provincia. Estas son as seguintes: A horta da Sancoveiga; Esther Fernández Díaz; Nenea, medrar creando; Avogar; Bico de Grao; PK3 Ingenieros; Marmeladas Acea de Olga; WiseKid Summer Camp; Mel Casa Príncipe; Explotación Extensiva de Gando Vacún; Abadía; Bufarda Arquitectura; Esmorga Eventos; Galimós: A nosa granxa de galiñas de Mós; M3 Aguas: ingeniería ambiental; Tu alicate, tenda online de ferramentas; Artesanía Calabazas Mago de Luz; Centro Shalom; Caserío Meiroi; Elexes, más que electricidad; Hotel Os Ancares.
Formación para estudantes de FP e Secundaria
O V Campus de Emprendemento Sostible tamén inclúe formación gratuíta e in situ sobre as posibilidades de emprender aos estudantes dos 3 centros públicos da provincia que ofrecen ensinanzas superiores sobre produción agropecuaria, xestión forestal e do medio ambiente. Trátanse do IES San Rosendo de Mondoñedo, IES Trapero Pardo en Castro de Rei e CFEA Alta Montaña. Son 80 os alumnos que participan. Así mesmo, por primeira vez, tamén se quixo levar esta formación a outros 46 estudantes de Secundaria para sensibilizalos co emprendemento. Neste caso, levase aos IES de Becerreá e aos CEIP de Navia de Suarna. Queipo Fernández participou hoxe, xunto ao Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández, na clase formativa que se desenvolveu no centro escolar deste Concello.