– Fernández Queipo destacou que “as actividades deste terceiro trimestre están pensadas para o público infantil, por estar en período de vacacións, as actividades de xullo e agosto será para os máis cativos, en setembro retomaranse as actividades para todos os usuarios”
– Identificación de cogomelos, Cultivando plantas en testos e aprendendo a regar ou Apicultura en xeral, son só algunhas das actividades que se impartirán neste trimestre
– As persoas interesadas en participar deberán reservar praza nos correos electrónicos und.medioambiente@deputación.org e ancareslucenses@deputacionlugo.org. Máis información en 982 227 812 e 982 305 930, para Lugo ou 982 227 813, para Ancares Lucenses
O Delegado provincial de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, presentou este venres, no Centro de Interpretación Terras do Miño a nova programación de actividades medioambientais do terceiro trimestre que se celebrarán no Centro de Interpretación Terras do Miño e na Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, na que poderán participar de balde 200 persoas de todas as idades.
Fernández Queipo sinalou que “este terceiro trimestre, as actividades están pensadas especialmente para os nenos e as nenas, de maneira que nos meses de xullo e agosto, a maioría dos cursos serán para o público infantil, en setembro xa se retoman as actividades para os adultos“. Destacou tamén que “mediante estas actividades, pretendemos incentivar o interese pola riqueza da nosa provincia, tanto natural como patrimonial, ao tempo que concienciamos á cidadanía a unha práctica responsable co medio ambiente”.
O Deputado lembrou que esta oferta de programación baséase “no interese que esperta na xente este tipo de iniciativas, que lle ofrece á poboación unha alternativa diferente, lúdica e tamén formativa, e totalmente gratuíta”, resaltou a “importancia de actividades ao aire libre e relacionadas coa natureza para afianzar o vencello entre os máis pequenos e a natureza”.
Programación de actividades Terras do Miño
As persoas interesadas en participar nalgunha das actividades programadas deberán reservar a súa praza a través do correo electrónico und.medioambiente@deputacion.org e poden tamén chamar aos teléfonos 982 227 812 ou 982 305 930 para obter máis información. O calendario das actividades que terán lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño son:
Conferencias:
– O 27 de setembro celebrarase unha conferencia sobre a Identificación de Cogomelos, entre as 19:30 horas e as 21:30 horas, e para a que hai 20 prazas.
Para os máis pequenos:
– Os días 2 e 3 de xullo celebrarase o obradoiro Cultivando plantas en testos e aprendendo a regar, de 10:00 a 14:00 horas. Haberá 20 prazas para cada xornada. O primeiro día estará dirixido a nenos/as de 5 a 8 anos, e o día 3 será para nenos/as de 9 a 12 anos.
– Do 4 ao 7 de xullo haberá de 10:00 horas a 14:00 horas, un Curso de Fotografía para nenos: A natureza, retratamos flora e fauna no Río Rato. O curso conta con 20 prazas e está dirixido a nenos/as de 8 a 10 anos.
– Do 9 ao 13 de xullo, con 20 prazas, celebrarase un campamento de verán de 10:00 horas a 14:00 horas.
Para adultos:
– O día 1 de setembro, de 10:00 a 14:00 horas, terá lugar o curso Apicultura en xeral, de 10:00 horas a 14:00 horas, e que oferta 20 prazas.
– Os días 8 e 9 de setembro terá lugar un Curso de fotografía: Cores e emoción da natureza. O curso oferta 12 prazas e os horarios serán, para o día 8, de 10:00 horas a 14:00 horas e de 16:00 horas a 21:00 horas. O día 9, o horario será de 11:30 horas a 14:30 horas.
– O 15 de setembro, de 10:00 horas a 14:00 horas, con 20 prazas, celebrarase o obradoiro O cultivo das hortalizas aproveitables polos seus froitos: tomates, pementos, berenxenas, amorodos…
– O 22 de setembro terá lugar o obradoiro O cultivo doutros indispensables na horta: leitugas, cenorias, cebolas, chícharos… de 10:00 horas a 14:00 horas. Ofértanse 20 prazas para persoas interesadas.
– O 29 de setembro haberá un obradoiro para a Elaboración de marmeladas e licores, de 10:00 horas a 14:00 horas, e para o que hai 20 prazas.
Programación de actividades Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses
Para participar nas actividades é preciso reservar praza a través do correo electrónico ancareslucenses@deputacionlugo.org e para ter máis información, as persoas interesadas poderán chamar ao teléfono 982 227 813.
Para as familias:
– O 9 de xullo celebrarase o Obradoiro de xardíns verticais con materiais reciclados, de 17:00 a 21:00 horas, na Escola de Barcia. Hai 20 prazas.
– O día 21 de xullo e 8 de setembro terá lugar o obradoiro Planificación do horto outono/inverno, con 15 prazas e que se celebrará no local da Asociación Cultural O Teixeiro, en Piornedo.
Para os máis pequenos:
– Do 20 ao 24 de agosto, con 20 prazas, terá lugar un campamento de verán na Escola de Barcia, en horario de 10:00 a 14:00 horas.
– O día 28 ás 18:00 horas comezará o obradoiro Astronomía cos máis pequenos, que se prolongará ata a mañá do 29 de setembro ás 10:00 horas. Celebrarase no CPI de Cervantes e hai 20 prazas.