O Goberno da Deputación promove a Reserva da Biosfera Terras do Miño en Castroverde con novos paneis informativos



Fíxoo cun investimento de 12.400 euros destinados en deseñar un plan que inclúe 2 paneis explicativos, formación con visitas guiadas, talleres informativos, así como un folleto interpretativo dixital do roteiro da Reserva Terras do Miño de Castroverde

Fernández Queipo, Arias Fernández e Muñiz Besteiro, acompañados de veciños, supervisaron as novas dotacións, que foron impulsadas pola Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde

O Vicepresidente remarcou que “esta iniciativa contribúe a achegar á cidadanía a riqueza patrimonial, paisaxística, e medioambiental de Castroverde, promovendo ao mesmo tempo o turismo activo e dinamizando a economía deste concello lucense”

O Vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, supervisou este venres o roteiro de interpretación da Reserva da Biosfera Terras do Miño, que financiou o Executivo Provincial cun investimento de 12.400 euros. Fíxoo acompañado do Alcalde de Castroverde, Xosé María Arias Fernández, e o Presidente da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde Manuel Muñiz Besteiro, así como outros membros da Asociación e veciños deste Concello.

Fernández Queipo avanzou que con cargo a este investimento “realizáronse 2 paneis interpretativos, seguindo o Manual da Reservas da Biosfera, visitas guiadas para formar aos participantes dos coñecementos básicos do patrimonio local, así como un folleto interpretativo do roteiro de Castroverde”.

O Vicepresidente remarcou que “esta iniciativa contribúe a achegar á cidadanía a riqueza patrimonial, paisaxística, e medioambiental de Castroverde, promovendo ao mesmo tempo o turismo activo e dinamizando a economía deste concello lucense. Así, todos os visitantes e veciños poderán desfrutar deste roteiro único, e onde ademais poderán coñecer outros enclaves desta localidade como a Igrexa, a Casa do Concello e o Castelo construído sobre un castro, que segundo sinalan as fontes históricas poida que sexa o que dá o nome á vila”.

Fernández Queipo agradeceu “o traballo imprescindible que leva realizando ao longo destes anos a Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, que en colaboración co Concello, están impulsando e promovendo iniciativas vitais para preservar o patrimonio local. Sen o traballo conxunto destas dúas entidades, e a colaboración da Deputación, non sería posible este roteiro”.


This site is registered on wpml.org as a development site.