Na reunión da xerencia do espazo recoñecido pola UNESCO celebrada esta mañá en Lugo, na que participou o Presidente da Deputación,acordouse tamén solicitar a incorporación desta zona protexida no Consello Provincial de Turismo
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, e a deputada de Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, asistiron este martes á reunión do órgano reitor da Reserva da Biosfera Terras do Miño celebrada no Centro de Interpretación Terras do Miño, en Lugo. Neste encontro, ao igual que no celebrado onte do órgano reitor da Reserva de Ancares, acordouse apoiar a candidatura da Ribeira Sacra de Oribio e Courel a esta distinción da UNESCO.
Na xuntanza de Terras do Miño tamén se trataron diversas iniciativas para a vindeira anualidade co fin de aproveitar todas as oportunidades que ofrece esta Reserva. Entre os puntos a tratar encontrábase a programación de actividades de educación ambiental na Reserva da Biosfera; a solicitude de incorporación da Reserva da Biosfera ao Consello Provincial de Turismo; a presentación das actuacións dos Proxectos Life in Common Land e Life+Biodinámico; e a presentación das conclusións do I Foro de Mozos da Rede Española de Reservas de Biosfera.