Arrancan os obradoiros infantís da Deputación na Praza de San Marcos con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente



O Deputado de Medio Ambiente acompañou na tarde deste luns aos participantes dos primeiros talleres, onde poderán desfrutar de actividades como a elaboración de bombas de semente, decoración de testos, estampado, hoteis de insectos e mini horta urbana

Os talleres de educación ambiental desenvolveranse tamén este martes e este xoves, en horario de 17:00 a 20:00 horas. Están dirixidos a nenos a partir de 6 anos e son totalmente gratuítos e de asistencia libre

Tamén para conmemorar esta data, a institución provincial programa para o propio Día do Medio Ambiente, 5 do xuño, a entrega de diplomas aos usuarios e usuarias dos hortos do Rato que fixeron formacións e unha conferencia sobre pragas emerxentes

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, acompañou na tarde deste luns aos participantes dos talleres infantís que organiza a Deputación de Lugo con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente. Os talleres de educación ambiental arrancan hoxe e levaranse a cabo tamén mañá, martes, 4 de xuño, e o xoves, 6 de xuño, en horario de 17:00 a 20:00 horas, na praza de San Marcos. As actividades están dirixidas a nenos e nenas a partir de 6 anos e son totalmente gratuítas e de asistencia libre, sen necesidade de inscrición previa. Os participantes poderán desfrutar durante estas tardes dunha variedade de obradoiros sobre diferentes temáticas, que son os seguintes :

-Taller de Bombas de Sementes e macetas de barro. Os participantes realizarán bombas de sementes con arxila e sementes de plantas autóctonas para fomentar a conciencia ecolóxica e a biodiversidade, e poderán decorar unha bolsa de tea para poder levar as bombas de sementes. Tamén se inclúe a decoración de pequenas macetas de barro para que os máis pequenos poidan levar unha planta para a casa.

-Taller de Estampado e de Hotel de Insectos. A xornada permitirá realizar o estampado de bolsas de algodón mediante a técnica de Hapa Zome con plantas e follas, onde os participantes decorarán a súa propia bolsa co obxectivo de reducir o uso dos plásticos nos fogares. Os participantes poderán tamén elaborar uns pequenos hoteis de insectos para axudar a estes animais tan necesarios.

-Taller de Mini Horta Urbana. Os participantes construirán unha mini horta urbana en madeira que apoderán decorar e a continuación plantar diferentes especies de plantas hortícolas. Ao rematar poderán levar a mini horta para os seus fogares e deste xeito fomentar as hortas urbanas na cidade.

No Centro de Interpretación Terras do Miño, o día 4 de xuño, desenvolverase un  taller para facer música coa reciclaxe. O obxectivo destas actividades é promover o lecer saudable, poñer en valor o medio natural, e concienciar sobre o seu coidado e conservación.

Actividades no Día Mundial do Medio Ambiente

A Deputación programa varias actividades para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente, o propio 5 de xuño, que este ano se centra na protección dos ecosistemas terrestres. Ás 12 do mediodía, a institución provincial inaugurará nos corredores da planta baixa do Pazo de San Marcos a exposición Dende a Reciclaxe á Creatividade Musical. Pola tarde, ás 18:45 horas os usuarios e usuarias dos hortos urbanos do Rato recibirán no Salón de Actos os diplomas acreditativos das actividades formativas nas que participaron. A continuación,  ás 20:00 horas, terá lugar a conferencia Pragas de Emerxencia, que impartirá Manuel Andrade e abordará as ameazas da praga de mosquitos.


This site is registered on wpml.org as a development site.