A Deputación inicia o proceso para outorgar 10 hortos urbanos no Parque do Rato na RB Terras do Miño



A Voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, informou este venres que a Deputación de Lugo vén de iniciar o proceso para outorgar 10 hortos urbanos no Parque do Rato na Reserva da Biosfera Terras do Miño. “Na Xunta de Goberno que vimos de celebrar aprobamos a apertura do prazo de presentación de solicitudes para optar a algunha das 10 parcelas –das 150 dispoñibles- que quedaron libres neste espazo tras concluír o período de 4 anos polo que se conceden”, explicou.

García Porto confirmou que as bases que rexerán para adxudicar estes terreos novamente serán as mesmas que viñan sendo, polo que os requisitos dos solicitantes pasan por ser maior de idade; estar empadroado no Concello de Lugo ou lindeiros (Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Friol, Outeiro de Rei ou Guntín); estar exento de obrigas coas administracións públicas; non posuír terreos cultivables no concello de Lugo; e non convivir cunha persoa que ten un horto autorizado.

Primarán os criterios sociais, como estar en situación de desemprego, ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social”, subliñou a Deputada, que engadiu que está previsto que os interesados poidan presentar as súas solicitudes entre o 15 e o 28 de outubro (ambos incluídos), unha vez que se publique no BOP este acordo de Xunta de Goberno. E relatou que cos hortos urbanos, a Deputación pon á disposición da veciñanza uns espazos que fomentan a agricultura ecolóxica, a conciencia ambiental e o lecer saudable.