A Deputación de Lugo amosou este mércores a 20 alumnos e alumnas da Universidade de Santiago de Compostela a importancia da xestión dun territorio tan valioso como as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses para favorecer a súa protección e conservación, así como o seu desenvolvemento sostible. Na xornada, que se celebrou na Casa das Insuas, en Rábade, participaron estudantes dos másters en Enxeñería de Montes, que se imparte na Escola Politécnica de Lugo, e en Enxeñería Ambiental, que ofrece a Escola Técnica Superior de Enxeñería de Santiago.
A Deputación colabora dende o 2017 con esta actividade universitaria, de maneira que unha das visitas que teñen os alumnos e alumnas das materias Planificación e xestión de espazos naturais protexidos e Planificación de sistemas naturais que se imparten nestes másteres é ás reservas Terras do Miño e os Ancares Lucenses.
Persoal da área de Medio Ambiente da Deputación foi o encargado de explicarlles aos alumnos e alumnas que é unha Reservas da Biosfera, que obxectivos ten e, sobre todo, como se xestiona. Nesta ocasión, tamén se lles falou do acordo de custodia do territorio que vén de formalizar a Deputación coa Asociación Galega de Custodia o Territorio para a xestión das Insuas do Miño e Ollos de Begonte, espazos de gran valor ambiental que son propiedade da Deputación e forman parte da Zona Núcleo da Reserva Terras do Miño e da Rede Natura 2000. Neste sentido, expúxose a custodia do territorio como unha estratexia para a xestión do territorio que axuda aos propietarios, ben sexan públicos ou privados, a conservar a diversidade biolóxica, a paisaxe e o patrimonio cultural.
Esta actividade universitaria enmárcase nos obxectivos do Programa Mab de utilizar as reservas da biosfera para a investigación, a observación permanente, a educación e a capacitación.