A Deputación aproba unha nova convocatoria para adxudicar 83 hortos urbanos no Río Rato



A Xunta de Goberno aprobou este venres unha nova convocatoria para adxudicar un total de 83 hortos urbanos da institución provincial que quedaron dispoñibles no Paseo do Río Rato. Así o anunciou o Deputado de Promoción Económica e Social, PabloRivera Capón, trala reunión celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos. “Trátanse da sexta fase desta convocatoria e ten como obxectivo renovar as 75 autorizacións de uso concedidos durante a 1ª e 2ª fase, nas que está a piques de rematar o período de vixencia de 4 anos que establece a Lei”. Ademais, sinalou o Deputado, neste proceso a institución provincial asignará outros 8 hortos que están actualmente vacantes, debido a renuncias ou procedementos sancionadores, “co que completaremos os 150 que están habilitados no Rato”.

Así mesmo, o Deputado subliñou que se manterán os mesmos requisitos e criterios que en fases anteriores, seguindo o regulamento establecido pola institución provincial para a concesión destes espazos. “Darase prioridade a aqueles usuarios e usuarias que viñan desfrutando dunha destas parcelas, e a asignación de cada horto realizarase mediante sorteo público, asignando unha parcela por solicitante e por unidade familiar”.
Poderán presentar solicitudes todas as persoas físicas ou asociacións de Lugo e concellos limítrofes que non posúan terreos cultivables. Se as solicitudes superan as parcelas dispoñibles, aplicarase unha valoración por criterios sociais, priorizando a persoas en desemprego, con rendas baixas, familias numerosas ou xubilados. Os colectivos sen ánimo de lucro e representantes de centros educativos tamén terán prioridade.

As bases da convocatoria publicaranse no Boletín Oficial da Provincia nos próximos días. A partir do día seguinte, os interesados terán 10 días hábiles para presentar as súas solicitudes no Rexistro da Deputación ou a través da Sede Electrónica.
Os beneficiarios poderán usar os hortos gratuitamente por un período de dous anos, con posibilidade de prórroga de ata 4 anos, e contarán cun servizo de mantemento e asesoría gratuítos. Os solicitantes que non consigan unha adxudicación formarán parte dunha lista de agarda para cubrir posibles renuncias.
PabloRivera Capón destacou que este proxecto, iniciado en marzo de 2021, busca fomentar a agricultura ecolóxica, a concienciación ambiental e o lecer saudable.


This site is registered on wpml.org as a development site.