– A institución provincial presta un ano máis o seu apoio financeiro a este encontro que celebra este ano, entre os días 12 e 19 de agosto, á súa 16ª edición
– Os lucenses darán a coñecer as Reservas da Biosfera de Lugo ó tempo que porán de manifesto a riqueza cultural e produtiva da provincia ó longo das actividades previstas
– A iniciativa ten como obxectivo manter as relacións entre ambos pobos e promover as Reservas da Biosfera de Lugo
A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, presentou este martes nos xardíns da Deputación o 16º encontro de Irmandade entre Sarria e a localidade bretoa de Guerlédan, á que un ano máis a institución provincial presta o seu apoio económico. O acto de presentación, que tamén contou coa participación da Presidenta da Irmandade, Elvira Vila, e o Concelleiro de Cultura de Sarria, Francisco José Pérez González, serviu para dar a coñecer a programación do encontro, que se celebrará entre os días 12 e 19 de agosto, e que ten entre os seus obxectivos darlle visibilidade á provincia e ás Reservas da Biosfera de Terras do Miño e dos Ancares Lucenses.
Nesta liña, López Izquierdo salientou que “as boas relacións entre lucenses e bretóns son unha ocasión excepcional para dar a coñecer a riqueza natural, gastronómica e cultura da nosa provincia e promocionar os produtos da nosa terra”. A Deputada destacou que “a promoción internacional das nosas Reservas da Biosfera axuda a darlle visibilidade, non só a estes espazos naturais, senón a toda a provincia”. Pola súa banda, a Presidenta da Asociación da Irmandade Sarria-Guerlédan, Elvira Vila, e o Concelleiro de Cultura, Francisco José Pérez, quixeron agradecer a colaboración da Deputación e destacaron que “todos arrimamos o ombro e traballamos en conxunto, deixando ás ideoloxías de lado, para consolidar ano a ano un evento desta importancia”.
A orixe deste irmandade entre os Concellos da Comarca de Sarria e Guérledan, producida por Luis Milla; xornalista natural de Paradela que se decatou das similitudes de ambas as rexións e decidiu comezar con estes intercambioss; ten coma obxectivo fundamental o intercambio cultural, que se establece grazas ás viaxes de bretóns a Sarria nos anos impares e de lucenses á Bretaña nos pares. Durante a estancia dos lucenses na Bretaña, visitarase unha das Resevas da Biosfera da rexión, e na que os lucenses observarán as similitudes e diferencias en relación cos Ancares Lucenses.
Medio ambiente e cultura europea
Nesta ocasión, o medio ambiente e a cultura serán algúns dos eixes vertebradores da visita a terras bretoas. Entre as actividades previstas inclúense visitas a enclaves naturais destacados da rexión e a fábricas de produtos autóctonos. A música e a cultura popular tamén teñen cabida no programa de visitas dos sarriáns grazas ás charlas e mesas redondas que estarán a cargo de profesores e catedráticos de universidades francesas nas que se abordarán temas como os sistemas sanitarios e educativos franceses e españois. O día 17 de agosto terá lugar un dos actos destacados da visita, a sinatura da Carta de Irmandade en presenza das autoridades e dos presidentes de ambos Comités, coa que se revalidará esta relación entre ambas vilas e no que todo Guerledán está convidado a participar.