A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a listaxe provisional das entidades beneficiarias da liña de axudas en réxime de concorrencia competitiva que convoca a institución provincial por un importe de 110.000€ para entidades sen ánimo de lucro asentadas ou que teñen o seu ámbito de actuación nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.
A Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, destacou que este ano son 43 as que foron admitidas, e que «cada ano estamos a rexistrar un aumento na presentación de solicitudes, acadando nesta ocasión un total de 47. Isto confirma a boa acollida desta iniciativa entre o tecido asociativo, e nos permite avanzar na promoción do coñecemento e do desenvolvemento sostible destes territorios”.
Segundo apuntou Pilar García Porto, esta é a cuarta edición desta liña de axudas, “que iniciamos no pasado mandato, e que dado o éxito acadado, incrementamos hai un ano o orzamento nun 30%, ata alcanzar os 110.000€”. Un aumento, engadiu “que nos permite desenvolver máis proxectos de dinamización das Reservas da Biosfera”.
Estas axudas teñen por finalidade apoiar proxectos vinculados ao medio ambiente e o rural que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios. “Forman parte da estratexia que promovemos dende a institución provincial para favorecer o coidado das Reservas da Biosfera que xestionamos, ao mesmo tempo, que impulsar o seu desenvolvemento económico dun xeito sostible e contando co tecido social e produtivo da zona”, enfatizou a Voceira socialista do Goberno.
En concreto, a institución provincial ten dúas liñas de axudas, destinando un total de 60.000€ para actividades na Reserva da Biosfera Terras do Miño e 50.000€ para a dos Ancares Lucenses, repartidos en axudas de entre 1.000€ e 7.000€ por cada proxecto presentado.
Na listaxe provisional aprobada na Xunta de Goberno de hoxe figuran iniciativas tan diversas como a mellora de camiños, tarefas de conservación de contornas naturais, desenvolvemento de xornadas de divulgación e promoción dos territorios, obradoiros de artesanía, ou actividades educativas con colexios vinculadas á agricultura ecolóxicas. A vindeira semana publicarase a listaxe das entidades beneficiarias no Boletín Oficial da Provincia, e a partir desa data abrirase un prazo de 10 días hábiles para presentar alegacións.