Estes encontros, organizados por Iniciativa de Custòdia del Territori de les Illes Balears (ICTIB), tiveron lugar de forma online e participaron unha vintena de representantes de municipios e Consellos Insulares de Baleares
O organismo provincial ten en marcha dende o ano 2014 un proxecto para dinamizar as zonas de alto valor ecolóxico e social da provincia, como son as Insuas do Miño e Ollos de Begonte
A Deputación de Lugo presentou o seu modelo de custodia do territorio, unha maneira de dinamizar as zonas de alto valor ecolóxico e social da provincia, nunhas xornadas sobre xestión ambiental organizadas por Iniciativa de Custòdia del Territori de les Illes Balears (ICTIB) baixo o título A Custodia do Territorio como ferramenta de xestión municipal: aspectos xurídicos e casos prácticos. Estes encontros, que tiveron lugar de forma online, participaron unha vintena de representantes de diversos municipios e Consellos Insulares de Baleares.
No foro, o xefe de sección de Medio Ambiente da Deputación, Luis Reija, explicou o proxecto que a institución provincial ten en marcha dende o ano 2014 nas Insuas do Miño (situadas en Rábade e Outeiro de Rei) e Ollos de Begonte, ambos territorios propiedade da Deputación. A área de Medio Ambiente promove este acordo xa que a institución é xestora da Reserva da Biosfera Terras do Miño. O obxectivo é mellorar o estado de conservación da flora, fauna e hábitats presentes nas zonas; o mantemento de labores agrícolas e gandeiras tradicionais, ademais de divulgar os valores naturais da zona mediante visitas organizadas e campañas informativas e de mellorar o estado de conservación e de seguridade dos espazos públicos.
A Deputación aporta 25.000€ anuais para levar a cabo estes traballos e a entidade de custodia realiza o traballo que os terreos necesitan, ademais de actividades de divulgación para todos os colexios da provincia de Lugo ou visitas á zona. A institución conta cun Centro de Interpretación no que se levan a cabo diferentes obradoiros, investigacións, inventarios ou citas sobre novas especies autóctonas. Con esta iniciativa a Deputación conseguiu dinamizar un lugar que estaba practicamente abandonado e crear unha imaxe favorable da zona.