O tema central da terceira edición deste certame é a importancia de ríos, regatos e seimeiras en Terras do Miño e nos Ancares Lucenses
As persoas que desexen participar deben presentar os seus orixinais en formato dixital e en papel no Rexistro Xeral da entidade antes do 15 de marzo
As tres mellores fotografías recibirán premios en metálico de 800, 500 e 300 euros.
As bases completas poden consultarse en www.deputacionlugo.gal
A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, presentou este mércores o III Concurso de Fotografía das Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses que, nesta ocasión, ten como tema central a importancia da auga- ríos, regatos e seimeiras- nestes espazos naturais que contan co distintivo da UNESCO.
Os interesados en participar deberán presentar as súas fotografías, que teñen que ser inéditas e non ter sido premiadas con anterioridade, antes do 15 de marzo no Rexistro Xeral da Deputación.
A Deputada subliñou que “organizamos, unha vez máis, este certame para promocionar e pór en valor a riqueza medioambiental que temos na provincia, a través da fotografía, un campo que esta hoxe en día en constante expansión. De feito, o éxito de convocatoria da edición anterior, na que se presentaron máis de 50 instantáneas, anímanos a continuar ponde en marcha iniciativas como esta”.
As fotografías, que poden ser en branco e negro ou en cor, deben realizarse en espazos comprendidos dentro das Reservas da Biosfera lucenses. Os participantes deberán entregar as imaxes recollidas nun CD e tamén copia en papel fotográfico, dentro dun sobre pechado que inclúa o nome e apelidos do autor, data de nacemento, enderezo, teléfono, correo electrónico, título da obra e lugar onde se realizaron. Cada autor só pode presentar unha fotografía.
Os tres mellores traballos presentados recibirán premios en metálico de 800, 500 e 300 euros, respectivamente. O xurado estará composto por expertos de recoñecido prestixio que farán público o resultado ó longo do primeiro trimestre do vindeiro ano.
Con todas as fotografías a Deputación realizará unha exposición que amose toda a beleza e diversidade dos territorios Reserva da Biosfera. As bases completas poden consultarse na web www.deputacionlugo.gal.