A Deputación de Lugo presume de patrimonio natural e paisaxístico na feira de turismo Expovacaciones de Bilbao que se celebra esta fin de semana. A través dun expositor informativo, a institución provincial facilita aos visitantes material divulgativo sobre a provincia e sobre as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, que xestiona.
Promocionar a oferta turística da provincia entre os visitantes vascos, que forman un dos mercados estratéxicos do territorio lucense, é un dos principais obxectivos da Deputación neste evento. Expovacaciones destaca entre outros factores pola gran afluencia de público, moi interesado polas propostas de ecoturismo, turismo activo e turismo familiar e, nese sentido, a institución provincial aproveita estes días para dar a coñecer unha provincia con máis do 80% da súa extensión declarada Reserva da Biosfera.
Está previsto que visiten Expovaciones máis de 20.000 persoas, que poderán coñecer as 180 firmas expositoras, ademais de desfrutar de 75 actividades e degustacións.